Análise

Feixoo atrévete

O presidente Núñez Feixoo xunto a Pablo Casado e Isabel Díaz Ayuso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A espionaxe e os dossiers non son novos no Partido Popular. O labor de investigación dos propios padecérona no pasado dirixentes da formación como o ex alcalde madrileño Alberto Ruiz Gallardón, o antigo tesoureiro do partido Luis Barcenas ou o ex secretario xeral do PP galego José Cuíña, que mesmo denunciou unha tentativa de trama para asasinalo promovida, supostamente, polo amigo de Manuel Fraga e construtor berciano José Martínez Núnez, cuxas empresas destacarían no financiamento irregular dos conservadores.

Alberto Núñez Feixoo coñece para que serven os dossiers. Un deles, elaborado con ducias de fotos recollidas nun rexistro policial á vivenda do traficante Marcial Dorado, serviu no seu momento para apartar o presidente galego da carreira da sucesión de Mariano Raxoi e posibilitar, finalmente, a chegada de Pablo Casado á presidencia do partido. Ninguén dúbida no círculo máis próximo de Feixoo que a razón central para explicar a súa posición nese proceso foi o temor a que aparecesen novas probas da relación con Dorado e o convencemento de que a súa filtración ao diario El País foi responsabilidade de Soraya Saénz de Santamaría.

As derivadas políticas

A denuncia de espionaxe de Isabel Díaz Ayuso contra a dirección do PP, a quen acusa de actuar "de modo inxusto e cruel contra min" para destruíla, e a reacción do partido, abríndolle un expediente "por acusacións gravísimas, case delitivas" tras coñecer información "sobre un suposto cobro de comisións en beneficio do círculo" da presidenta madrileña, ten derivadas legais e políticas. As primeiras non tardarán en chegar á xustiza. Porén, as segundas semellan máis definitivas para a sorte do principal partido da dereita española.

O presidente galego non demorou a súa toma de posición na liorta na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta de onte. Na liña dos seus movementos dos últimos meses, tendentes a debilitar con delicadeza o liderado de Pablo Casado, converteuse en xuíz e parte para ditaminar a inocencia de Díaz Ayuso e cargar contra a dirección do partido pola suposta espionaxe, financiada con fondos públicos, da Empresa Municipal da Vivenda do Concello de Madrid. Feixoo afirmou que "non procede contratar a ningún investigador privado para espiar un compañeiro", mais recoñeceu "certa preocupación pola situación orgánica que está a vivir o PP en Madrid. Chove sobre mollado e levamos varios meses ante un asunto que debería estar resolto".

O momento de Feixoo

Feixoo atópase diante da súa segunda oportunidade. A febleza de Pablo Casado e o seu equipo, o convencemento en sectores cada vez máis amplos do poder económico da incapacidade do actual presidente do PP para liderar unha opción ao PSOE, a debilidade interna de Díaz Ayuso para presentarse como alternativa a nivel estatal e o temor dos dirixentes territoriais da formación a seren superados por Vox colocan o mandatario galego nunha situación inmellorábel para saltar a Madrid e aspirar a liderar os populares.

Está por ver se Feixoo dá o paso ou pola contra renuncia a dirixir o partido como en xullo de 2018. Porén, a diferenza daquela, neste momento todos, non só el, contan con dossiers.