Feixoo, de novo fiel escudeiro de Ayuso

O presidente da Xunta de Galiza defende a dirixente madrileña na súa chegada á Convención do PP que se desenvolve esta fin de semana en Valencia.

Isabel Díaz Ayuso e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Europa Press).
photo_camera Díaz Ayuso e Núñez Feixoo, nun encontro na sede da Comunidade de Madrid en setembro pasado (Foto: Comunidade de Madrid)

O presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo, avisou este sábado de que para ser alternativa ao Goberno de Pedro Sánchez necesitan lanzar á cidadanía unha mensaxe de estabilidade, xestión e de "compromiso de lealdade". "Unidos imos gañar nas urnas e ese é o obxectivo de Isabel Díaz Ayuso", proclamou.

Así se pronunciou á súa chegada á Convención do PP que se desenvolve en Valencia ao ser preguntado polos xornalistas se cre que a presenza da presidenta da Comunidade de Madrid este sábado na cidade pode deslucir a unidade do conclave dos últimos días.

"Evidentemente que non, mais non é unha crenza, é un feito. Todos os presidentes autonómicos viñemos aquí para apoiar o presidente do noso partido [Pablo Casado]. O noso partido é un partido leal, non é un partido de golpes cos cóbados nin é un partido de cambadelas, iso deixámosllelo a outros", proclamou.

Neste sentido, o presidente da Xunta subliñou que o PP é un partido "reformista" que sabe "perfectamente que para ser alternativa de Goberno necesita mandar unha mensaxe de estabilidade, unha mensaxe de xestión e unha mensaxe de compromiso de lealdade".

Feixoo dixo que "a mellor política para presidir a Comunidade de Madrid é a que acaba de arrasar nas eleccións autonómicas de Madrid". "E sobre o seu posicionamento, remítome ás súas propias palabras e á súa propia actitude", agregou.

Todos veñen a "sumar"

O presidente galego incidiu en que aos rivais políticos o que lle "interesa" é que o PP non sume. "Dividíronnos nas eleccións últimas e aprendemos que divididos soamente imos conseguir que Podemos e o PSOE están desgobernando o noso país. Unidos imos gañar nas urnas e ese é o obxectivo de Isabel Díaz Ayuso, igual que do conxunto de presidentes autonómicos", aseverou.

Feixoo afirmou que a democracia funciona cando hai alternancia política e salientou que os españois saben que "a única alternativa" ao Executivo actual é o PP. "Os partidos que representan o pasado perden as eleccións e os que representan o futuro as gañan. Neste momento o partido que representa o futuro é o PP e Pablo Casado", defendeu.

Dito isto, sinalou que iso é o que van explicar na fin de semana a cidadanía: "a tranquilidade e o acougo que merece España, onde hai moito ruído, moita crispación, pouco diálogo e pouca grandeza".

Unión ou independentismo

Indicou tamén que o PP vai intentar volver reunir o voto que marchou nestes anos. "Se o centrodereita se divide, é evidente que imos ter populismo, socialismo e máis independentismo", avisou.

Finalmente, o presidente da Xunta afirmou que os socialistas "gobernan con calquera" e "non teñen ningún límite", xa que o seu único obxectivo é "manterse no Goberno". "O socialismo español é un socialismo que está en plena decadencia", asegurou, para engadir que o socialismo alemán ou o portugués "saben moi ben que non se pode gobernar con calquera", manifestou.

Comentarios