A sucesión de Núñez Feixoo eleva a tensión interna no PP da Galiza

Feixoo arranca hoxe en Compostela a súa campaña para liderar o PP no Estado

A reunión da Xunta Directiva estatal do Partido Popular respondeu ao guión. Mentres Pablo Casado se despedía da Presidencia afeando aos dirixentes da formación o trato recibido, os baróns territoriais tomaban posicións para unha nova etapa. Feixoo reúnese hoxe coa dirección do partido na Galiza, no que xa é considerado como o primeiro acto da súa campaña interna para liderar o PP.

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o presidente da Rexión de Murcia, Fernando López Miras; o de Andalucía, Juanma Moreno, e o da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, na Xunta Directiva Nacional do PP (Foto: duardo Parra / Europa Press).
photo_camera A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o presidente da Rexión de Murcia, Fernando López Miras; o de Andalucía, Juanma Moreno, e o da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, na Xunta Directiva Nacional do PP (Foto: duardo Parra / Europa Press).

O camiño de Núñez Feixoo cara a Madrid está despexado. O propio Pablo Casado, tras presumir na súa intervención de ter a "conciencia tranquila e sen remorsos" e reprochar unha "reacción que sinto que non merecía", afirmou o seu apoio ao dirixente galego e mesmo ofreceuse a seguir ocupando responsabilidades políticas no novo período. Porén, esa circunstancia semella complicada unha vez que Isabel Díaz Ayuso, chamada a xogar un papel chave no partido nos vindeiros anos, defendeu, publicamente, a expulsión do PP daquelas persoas que fixeron parte dunha "campaña" contra ela.

Alberto Núñez Feixoo volveu amosar onte a súa sintonía coa presidenta madrileña. A ese respecto, indicou que "é a presidenta do PP e por conseguinte é unha persoa honorábel que imos defender porque cremos na súa honorabilidade e non nos presenta dúbidas a súa honorabilidade", redundou. Na mesma liña, cualificouna como "un activo indispensábel" da organización e deixou caer o seu apoio para dirixir a formación conservadora en Madrid.

Xunta Directiva do PP

A realización na tarde de hoxe da Xunta Directiva do PP galego significa o punto de arranque para o lanzamento formal da candidatura de Feixoo. A este respecto, o presidente da Xunta sinalou que "imos falar co PP e ver desde a Galiza como podemos axudar e comprometernos ante a situación actual do partido, e cando os escoite dirixireime aos compañeiros do PP galego e de todo o Estado, e máis importante, ao conxunto dos españois, para trasladar a decisión onde corresponde".

"Chegou o momento de que os afiliados falen, con nitidez, con liberdade e sen presións, e co único obxectivo de acertar. Empezou un Congreso extraordinario e urxente do partido; extraordinario porque a situación orgánica do partido así o requiría, e urxente porque temos que resolvela e pórnos ao dispor do noso país", aseverou Núñez Feixoo, que deu este paso coa certeza de contar co apoio dos principais dirixentes territoriais da organización.

Núñez Feixoo debe resolver a sucesión á fronte do PP da Galiza ao mesmo tempo que prepara a súa saída para Madrid. Os estatutos do Partido Popular, aprobados no seu XVIII Congreso estatal, decorrido en xullo de 2017, estabelecen como incompatíbel exercer ao mesmo tempo a Presidencia estatal do partido e idéntica responsabilidade nunha organización territorial, sexa de carácter local, provincial ou autonómica. Así, no caso de ser Feixoo elixido presidente da formación no vindeiro congreso dos populares de 2 ou 3 de abril, algo que dan por feito na organización, debe renunciar ao cargo que actualmente ostenta como máximo responsábel dos populares galegos.

Un partido en mans dos baróns

O Partido Popular realizará, finalmente, o seu XIX Congreso o vindeiro 1 e 2 de abril en Sevilla. A cita de onde Feixoo sairá nomeado líder da formación no Estado apunta cara a unha organización con máis poder dos baróns territoriais e menos centralizada en relación coa época de Pablo Casado.

Neste liña, é significativa a composición da comisión organizadora do conclave, con representación das diferentes organizacións territoriais, adiantando un esquema de dirección que con case total seguridade se confirmará a partir de 1 de abril.

Ao tempo, agárdase unha volta á primeira liña da 'vella garda' do equipo do ex presidente Mariano Raxoi, como avanza a presenza de secretario da comisión organizadora do congreso, Juan Carlos Vera, un dos mais veteranos 'fontaneiros' de Xénova, xubilado no ano 2018 por Casado.

Comentarios