Casado rexeita dimitir e convoca á dirección estatal do PP para a vindeira segunda feira

Os 'baróns' territoriais seguen a presionar o líder do PP para que dimita.
Pablo Casado, fotografado a pasada sexta feira en Madrid (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Pablo Casado, fotografado a pasada sexta feira en Madrid (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente do PP estatal, Pablo Casado, convocará a vindeira segunda feira unha reunión da Xunta Directiva Nacional, máximo órgano do partido entre congresos, segundo acordou esta tarde o comité dirección do PP logo de máis de sete horas de debate interno.

Casado anuncia esta reunión da Xunta Directiva para dentro dunha semana, un prazo que lle permitirá manter contactos co obxectivo buscar consensos cos territorios. Fontes do seu equipo aseguraron á axencia Europa Press que a súa intención sería "reforzar" a Executiva integrando persoas próximas a 'baróns' territoriais como Alberto Núñez Feixoo ou Juanma Moreno.

A pesar das fortes presións internas, o líder do PP negouse a presentar a súa dimisión e apostou por medir as súas forzas cos baróns territoriais nunha Xunta Directiva Nacional, o órgano que ten capacidade para convocar os congresos do partido.

O congreso extraordinario do PP que xa solicitan algúns cargos do partido para buscar unha saída a esta crise interna require dunha maioría de dous terzos da Xunta Directiva para forzar a súa convocatoria, segundo recollen os Estatutos do PP.

En concreto, os Estatutos do PP sinalan que a celebración dun congreso extraordinario exixe debate previo, fixado na orde do día da Xunta Directiva, e resolución final de convocalo adoptada "pola maioría de dous terzos dos compoñentes da mesma", que supera os 300 membros.

A Xunta Directiva Nacional pode convocala o presidente do partido, Pablo Casado, mais tamén pode facerse con carácter extraordinario por acordo do Comité Executivo Nacional ou a solicitude de tres quintos dos seus vogais.

Os Estatutos sinalan ademais que o prazo mínimo que haberá entre a data da convocatoria e a de celebración "será de mes e medio se se trata do congreso estatal". Iso si, engaden que poderá ser convocado un congreso extraordinario "en casos de excepcional urxencia, con tan só trinta días de antelación, facendo constar na convocatoria o motivo de convocar e as causas que fundamentan a urxencia".

Comentarios