mércores 14/04/21

As familias numerosas terán rebaixas nas peaxes das autoestradas galegas

O sistema de descontos aplicarase nos viarios de titularidade galega.
A conselleira Ethel Vázquez reunida coa Asociación Galega de Familias  Numeroas (Foto: Xunta da Galiza)
A conselleira Ethel Vázquez reunida coa Asociación Galega de Familias  Numeroas (Foto: Xunta da Galiza)

Nas "próximas semanas" coñecerase a contía dos descontos que a Xunta da Galiza prevé aplicar dentro dun sistema de bonificacións para familias numerosas nas peaxes das autoestradas AG-55 (que une A Coruña e Carballo) e a AG-57 (coñecida como a do Val Miñor), ambas as dúas de titularidade galega.

O mecanismo para aplicar estes descontos levarase a cabo a través de dispositivos de telepeaxe que estarán vinculados ás matrículas dos vehículos familiares, segundo informou esta cuarta feira, 3 de marzo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nunha rolda de prensa decorrida após un encontro co presidente da Asociación Galega de Familias  Numeroas (Agafan), Luís Sánchez, para abordar esta medida e outras relacionadas con descontos para familias con varias crianzas, como os estabelecidos para o transporte metropolitano, que a Xunta anunciou que estenderá a toda Galiza antes de que conclúa o presente ano.

Na reunión, segundo explicou Vázquez, tamén se trasladou a  Agafan a proposta da Xunta enviada ao Goberno español para empregar a partida consignada nos Orzamentos Xerais do Estado para aplicar rebaixas nas peaxes da autoestrada AP-9, entre as que figura unha específica para familias numerosas. As contas do Estado consignan 65 millóns para descontos na AP-9, mais a pesar de os Orzamentos resultaren aprobados polas Cortes Xerais en decembro aínda non se aplicaron esas bonificacións

Noutra orde de cousas, Ethel Vázquez referiuse, en resposta aos medios, á autovía A-52 no tramo entre Vigo e O Porriño, que presenta, segundo a conselleira, "un estado de conservación que non é aceptábel" nunha vía que, ademais, conta con "récord de sinistralidade". 

A conselleira instou a Administración do Estado a actuar para que "se arranxen as fochancas" nesta infraestrutura.

comentarios