A Xunta pide a gratuidade total das peaxes nas viaxes de volta na AP-9

O Consello da Xunta, reunido hoxe en San Caetano, elaborou unha proposta que remitirá á Moncloa para exixir a aplicación inmediata das bonificacións nas peaxes da autoestrada do Atlántico, a AP-9, previstas nos orzamentos do Estado de 2021, e que aínda non entraron en vigor. 
Imaxe de arquivo da sinalización na autoestrada. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo da sinalización na autoestrada. (Foto: Europa Press)

O Consello da Xunta, reunido hoxe en San Caetano, elaborou unha proposta que remitirá á Moncloa para exixir a aplicación inmediata das bonificacións nas peaxes da autoestrada do Atlántico, a AP-9, previstas nos orzamentos do Estado de 2021, e que aínda non entraron en vigor.

A proposta que o Goberno galego remite ao Executivo español solicita eximir de peaxes na AP-9 todos os vehículos lixeiros nas viaxes de volta. Ademais, para os traxectos de ida quérese un desconto adicional de 25% no prezo da portaxe, sempre que o regreso se realice nas  24 horas seguintes (excepto en domingos e festivos).

Para os vehículos pesados solicítase un desconto en peaxes de 60% nos traxectos de ida e vota, co obxectivo de abaratar os custos a transportistas e empresas e fomentar o uso da autoestrada entre os camións, para así desconxestionar outros viarios e aumentar, por conseguinte, a seguridade viaria. 

"Pedimos a liberación da peaxe entre Vigo e Redondela, que se apliquen as bonificacións na AP-9 e que deixen sen efecto as subas extraordinarias anuais", expuxo o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, nunha comparecencia ante os medios após a reunión semanal do Executivo galego. 

Segundo explicou Rueda, a Xunta move ficha agora dado o atraso na aplicación dos compromisos coa AP-9 adquiridos polo Goberno do Estado. A proposta do Executivo de Alberto Núñez Feixoo chega até 48 días despois de que producirse a última suba das peaxes, que afectou só tres viarios no Estado, sendo a AP-9 na que máis se incrementaron os prezos, cun aumento de 0,92%.

En concreto, os orzamentos do Estado de 2021, aprobados o pasado decembro, consignan 54,9 millóns para aplicar bonificacións nas peaxes da AP-9, a supresión da suba acumulativa anual das portaxes de 1% e acometer a liberación do tramo Vigo-Redondela, cuestións que o PSOE se comprometera a realizar no acordo de investidura asinado co BNG. Precisamente o BNG está a levar unha campaña para exixir ao Estado que cumpra cos acordos na AP-9 e solicitou esta semana a comparecencia no Congreso do ministro de Transportes José Luis Ábalos para demandarlle a aplicación inmediata dos descontos. 

Vai para nove anos que debera estar libre de portaxes de non for por tres ampliacións da concesión: a primeira asinouse en 1977 polo Goberno da Unión de Centro Democrático (UCD), a segunda en 1994, con Felipe González, que prolongou as peaxes até 2023. A a última foi en 2000, con José María Aznar, que ampliou a concesión até 2048. Cando se esgotaron as posibilidades legais de seguir aumentando a concesión, por chegar a 75 anos, os Gobernos do Zapatero e de Raxoi optaron pola suba de 1% das peaxes durante 20 anos para "compensar" Audasa por obras no viario.

Vacinas en maiores de 80

Mañá inicia na Galiza a fase de vacinación contra a Covid-19 das persoas maiores de 80 anos, segundo avanzou onte Rueda após o Consello da Xunta. Trátase dunha proba piloto que servirá de ensaio para o inicio do groso do proceso, previsto para o 22 de febreiro, día en que dará comezo de forma oficial a campaña de vacinación nese grupo de idade. O vicepresidente insistiu na necesidade de que o Goberno estatal "cumpra" cos criterios estabelecidos para a repartición de doses entre comunidades en función da porcentaxe de poboación albo en cada unha das fases. Aliás, o Consello tamén aprobou onte un investimento de 1,5 millóns de euros para a adquisición de material para cribado e diagnóstico da Covid-19, así como para continuar a vacinación: 4,8 millóns de xiringas e 1,5 millóns de agullas, ademais de tests e material desinfectante.

A Xunta tamén deu luz verde a aumentar o número de casas niño cun investimento de 2 millóns de euros, para favorecer a conciliación nos concellos rurais que carecen de escolas infantís ou outros servizos semellantes. Actualmente a Galiza conta con 385 prazas en 77 casas, e o obxectivo é rematar 2021 con 100 casas en total. 

Comentarios