A Executiva do PSdeG defendera previamente as mesmas críticas á Lei de áreas empresariais polas que expedientou a Martín Seco

A delegación da formación socialista na Galiza remitiu a Madrid un expediente sancionador no que pide suspender de militancia, cautelarmente, o deputado Martín Seco por "menoscabar a imaxe do partido" após dicir na tribuna que votaba a prol desa lei "por orde da dirección" e cuestionar o texto cos mesmos argumentos que os esgrimidos nun informe precedente da dirección do PSdeG.
O deputado socialista Martín Seco, no Parlamento. (Foto: Europa Press)
photo_camera O deputado socialista Martín Seco, no Parlamento. (Foto: Europa Press)

O pasado 27 de setembro o Parlamento da Galiza daba o visto bo a unha Lei de áreas empresariais que naceu xa con polémica. O grupo parlamentario do PSdeG brindou finalmente o seu apoio ao PP por decisión "da dirección política do partido", asegurou desde a tribuna o deputado socialista Martín Seco, moi crítico coa política do PP nos 13 anos continuados de goberno da Xunta.

As súas palabras non agradaron na Executiva do PSdeG, que optou por abrirlle un expediente sancionador —entendendo que "menoscabou" a imaxe do partido— que busca a suspensión cautelar da súa militancia e que a pasada semana chegou á sede estatal da formación na rúa Ferraz de Madrid.

O deputado defendeu sempre a súa "adecuada e irreprochábel" conduta na bancada socialista da Cámara galega e insistiu en que o partido xa se mostrara crítico, en reiteradas ocasións en sede parlamentaria, coa lei promulgada pola consellaría que dirixe Francisco Conde.

En relación con este punto, Nós Diario tivo acceso a un informe elaborado meses atrás por Áurea Soto, integrante da Executiva do PSdeG, que cuestiona os mesmos puntos da Lei de áreas empresariais que Seco naquela intervención parlamentaria que deu pé ao seu expediente.

Un deses aspectos que mencionou o deputado era a falta de participación das administracións locais, motivo compartido polo devandito —e precedente— informe: "Cremos que o preciso é dotar e cualificar as administracións, e dotalas de medios humanos, sobre todo os Concellos, que son as administracións de primera referencia dos cidadáns, o que en Galicia é especialmente urxente, porque a súa carencia de medios humanos e materiais non permite a necesaria relación coa veciñanza. A resposta a esta carencia é ineludíbel cara á demanda de cooperación e coordinación en materia de ordenación do territorio e urbanismo entre administracións".

Aliás, o documento realizado pola cúpula socialista, cuxas críticas foron as compartidas en gran medida por Seco, sostén tamén que "é grave o proposto". "E é moi grave o cadro enerxético internacional no que estamos. Polo que, perplexos, non imos pór ningún pau no camiño, e estaremos vixiantes nel".

E nese mesmo asunto, o de que os socialistas non puxesen "paus nas rodas" en materia de política empresarial, tamén coincidía o propio Martín Seco no momento do debate parlamentario: "Indicóusenos que deberiamos votar a favor por indicación da dirección do partido e así o fixemos, para non ser acusados de pór paus nas rodas ao desenvolvemento económico da Galiza".

O expediente do deputado está baseado nun informe sobre a súa conduta do portavoz da bancada socialista no Parlamento, Luís Álvarez, que Martín Seco asegurou recentemente descoñecer en conversa con este xornal.

O portavoz socialista, Luís Álvarez, compartiu no seu 'Twitter' a intervención crítica de Seco.
O portavoz socialista, Luís Álvarez, compartiu no seu 'Twitter' a intervención crítica de Seco.

Dáse o caso de que Álvarez, no mesmo día da aprobación da Lei de áreas empresariais, compartiu nas súas redes sociais a información do partido referida a esa intervención crítica de Seco que logo propiciou o seu expediente. Un procedemento sancionador que partiu, precisamente, do propio portavoz socialista.

Comentarios