Exixen frear o proceso de conversión en pública da Fundación Cela tras a denuncia contra Castaño

Chega por iniciativa da fiscalía unha investigación que o BNG reclamara no Parlamento en 2010, a través dunha proposición non de lei que fora aprobada por unanimidade. Desde aquela, Feijóo só moveu ficha para asumir as débedas dun ente cuxa ex presidenta puido ter malversado caudais públicos
photo_camera Imaxe: flickr certoxornal

A fiscalía de Santiago de Compostela vén de interpor unha demanda no xulgado de Padrón contra a viúda de Camino José Cela, Marina Castaño, e contra o ex xerente da fundación, Tomás Cavanna, por delitos de malversación de caudais públicos, estafa, fraude fiscal e apropiación indebida. Ante estes feitos, desde o BNG exixen que a Xunta acate o compromiso parlamentar acadado na Cámara galega xa en 2010, cando a Xunta iniciou a transformación para salvar a fundación da quebra, e cando se aprobou por unanimidade unha proposición non de lei na que pedía a auditoría de todos os fondos públicos destinados ao ente.

A investigación que hai dous anos debera terse iniciado chega agora por iniciativa do fiscal Álvaro García, quen á súa vez recibiu a causa derivada da fiscalía da Coruña, onde presentou a escritora e fotógrafa Dolores Ramos, veciña de Iria Flavia, toda a documentación que recabou desde 2004 até agora. Nos medios de comunicación e perante as administracións públicas, Ramos puxo de manifesto información relativa "a supostas irregularidades na fundación Cela". Segundo o texto da denuncia, en 1998 Castaño e Cavanna crearon "unha sociedade pantasma", Lengua y Literatura AIE --Agrupación de Interese Económico--, cunha aportación de capital que no 80% aportou o ente e o 20% de capital privado de Letra e Tinta, propiedade do matrimonio Cela-Castaño.

Un trato de favor ''evidente''
A información foi posta en coñecemento da Xunta, que desde a sesión parlamentar na que se aprobou a proposta do BNG só moveu ficha para anunciar que a fundación que o propio escritor creara pasaría a ser pública. Foi a finais de abril, nun pleno en que o presidente da Galiza, Alberto Núñez Feijoo, anunciou eliminar ou reestruturar 25 entes públicos e mellorar 30. O titular de Cultura, Jesús Vázquez, substituíu a Castaño na presidencia, malia que ela segue a ser presidenta de honra. Así as cousas, o traspaso deixou claro "o evidente trato de favor", recalcou a deputada nacionalista Ana Pontón, quen cuestionou a operación do Goberno nacional preguntando se vai asumir as débedas dunha fundación "que desenvolveu unha xestión totalmente desbaldidora".

Por conseguinte, a formación frontista reclama máis unha vez que se free o proceso de conversión da entidade en pública, para alén acatar desde a Xunta o compromiso parlamentar de investigar a fundación. Segundo a denuncia tramitada polo Xulgado de Instrución de Padrón, as facturas da compra da casa na que se ubica a fundación --a Casa de los Canónigos, en Iria Flavia--, os gastos de restauración "e outros pagamentos pasaban por Lengua y Literatura" e trimestralmente Marina Castaño "desde a súa casa de Madrid" facía a declaración de facenda "coa finalidade de obter grandes sumas de cartos da devolución do IVE, o que podería constituír un grave delito fiscal", explicou Ramos. As fundacións fica exenta de tributación.

Malversación, estafa, apropiación indebida e fraude fiscal
Alén da posíbel malversación de caudais públicos, o fiscal Álvaro Ortiz di que os feitos achegados por Ramos constitúen base dabondo para investigar tamén a comisión de delitos de estafa, apropiación indebida e outros, como fraude fiscal, polo desvío a unha sociedade privada das devolucións do IVE da fundación, así como por cargar nas contas desa entidade cultural uns gastos que eran privados, en referencia aos salarios abonados a traballador@s que en realidade prestaban servizos en actividades privadas de Castaño e Cela.

Pór luz sobre todos estes puntos era o que procuraban @s nacionalistas ao presentar a proposición non de lei, aprobada por unanimidade mais que non foi acatada nunca. Esta mesma semana, Ana Pontón formulou unha pregunta en pleno para coñecer os pormenores da conversión da Fundación en pública e para esixir maior transparencia sobre o grao de implicación da Xunta coa mesma, mais o conselleiro de Educación e Cultura eludiu respostar ás cuestións achegadas pola parlamentaria. Pontón considera que os feitos que se coñeceron nesta sexta "son de enorme gravidade" e poñen aínda máis en entredito unha xestión que sempre estivo baixo sospeita e que, aínda así, recibiu importantes axudas públicas.

Comentarios