O ex deputado Martín Seco pide ao PSdeG o arquivo do seu expediente e un "resarcimento" da súa "honra"
O ex deputado socialista Martín Seco presentou un escrito ante as direccións do PSdeG e do PSOE no que pide o "arquivo" do expediente disciplinario que a formación lle abriu en novembro de 2022 por considerar que está "caducado após dous anos paralizado". Ademais, reclama un "resarcimento público da súa imaxe e honra".
"A miña honra e dignidade como militante, cargo público e institucional do PSdeG foi atacada publicamente sen xustificación algunha", considera o tamén portavoz do PSOE en Arteixo (comarca da Coruña) e afín ao ex secretario xeral Gonzalo Caballero.
O expediente foi asinado en novembro de 2022 polo entón secretario de Organización José Manuel Laxe e tiña como instrutor o alcalde de Ames, Blas García. Nel acordábase abrir medidas disciplinarias por considerar que expresara publicamente e en sede parlamentaria a súa opinión en termos "irresponsábeis" e con "deslealdade" ao PSdeG-PSOE.
Tamén se lle atribuía menoscabar "a imaxe pública do partido e da súa dirección política", así como "do seu secretario xeral desde a tribuna do Parlamento"; manter "actitudes e discursos impropios e inadecuados en relación co posicionamento do Grupo Parlamentario Socialista ante o debate dunha lei despois de que a dirección do Grupo lle trasladase, por indicación do secretario xeral, a posición a adoptar no devandito debate".
Todo iso por mor dunha votación no Parlamento da Galiza. En concreto, en setembro de 2022, Martín Seco foi o encargado de defender en sede parlamentaria a postura dos socialistas no debate sobre a Lei de áreas empresariais. Alí, após manifestar desde a tribuna as súas críticas cara ao texto, avanzou que o seu grupo votaría a favor porque así o estabeleceu a "dirección política do partido".
Sobre este punto, Martín Seco lembra que, despois da aprobación do texto, foi o propio Goberno do Estado o que mostrou as súas discrepancias coa lei galega, até o punto de convocar unha comisión bilateral entre o Executivo estatal e o autonómico que terminou cambiando o texto legal.
Unha falta "moi grave"
Martín Seco sinala que os estatutos federais do PSOE estabelecen que as faltas moi graves, como cualificou a dirección daquel momento os seus feitos, prescriben aos 18 meses. O ex deputado lembra que a executiva liderada por Valentín González Formoso requiriu a Ferraz a súa suspensión de militancia, deixándoo en "total indefensión". Por iso, unha vez transcorrido este prazo, pide o arquivo do expediente e o resarcimento público da súa imaxe e honra.
Martín Seco, considera que "laminar" compañeiros "non é o camiño correcto" en ningunha agrupación, senón que "é a forma de debilitar ao partido, porque dana a democracia interna e profunda máis na situación crítica actual do socialismo galego". Todo iso, lembra, nun contexto de conflito en agrupacións como a do PSdeG de Santiago e o de Narón (Ferrolterra).

