18-F

Estes son os 10 concellos onde o BNG logrou os mellores resultados

Vilar de Santos, Verea e Allariz son os tres municipios onde o nacionalismo supera 50% dos apoios.

Papeletas dos distintos partidos que concorren ás eleccions do 18-F. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Papeletas dos distintos partidos que concorren ás eleccions do 18-F. (Foto: Nós Diario).

O PP gañou as eleccións galegas en 295 concellos, o BNG en13 o PSdeG en 5. O nacionalismo obtivo os seus mellores resultados en Vilar de Santos, onde abeirou o 60% dos sufraxios, aumentando os apoios desde os comicios de 2020 en 23 puntos.

Noutros dous concellos, tamén da circunscrición de Ourense, o BNG superou nas urnas o 50% dos votos. En Verea, comarca de Terra de Celanova, logrou 53,6% dos sufraxios, 8 puntos máis que nos anteriores comicios galegos. En Allariz ese apoio foi de 52,5%.

O cuarto municipio con máis porcentaxe de voto ao BNG foi Moaña, onde a organización que lidera Ana Pontón recibiu 46,4% dos sufraxios; o que supón un incremento de máis de 10 puntos a respecto dos resultados de hai catro anos.

Tamén na comarca do Morrazo, en Cangas, o BNG logrou un bo resultado, ao ter case 46% dos apoios. Unha porcentaxe semellante foi a que se logrou en Corcubión, comarca de Fisterra, onde ese apoio foi de 45,7%.

En Soutomaior (comarca de Vigo) o BNG obtivo 45,2% dos sufraxios, en Catoira 44% e no Grove 43,46%. O incremento a respecto de 2020 foi, respectivamente, de 2,3; 8 e 10,6 puntos.

Ademais destes concellos, o BNG foi a forza máis votada en 3 máis: Vigo, Fene e Mugardos, con 37%, 42 e 38,7% respectivamente. 

PSdeG

No que atinxe ao PSdeG, gañou en só cinco concellos. Tres deles están situados na circunscrición electoral de Lugo: Ribeira de Piquín (50,53%), Negueira de Muñiz (41,58%) e Pedrafita do Cebreiro (46,19%), habitual feudo socialista; e outros dous na de Ourense: Entrimo (47,52%) e Calvos de Randín (45,43%).

Comentarios