Os proxectos europeos, en mans de Abanca

A Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos da Galiza ten en catro dos seus nove postos do consello de administración directivos de Abanca e Reganosa.

Álvarez-Naveiro, Emilio Briquetas, González-Laxe, Francisco Botas, Valeriano Martínez, Santiago Lago, José González e Francisco Conde.
photo_camera Álvarez-Naveiro, Emilio Briquetas, González-Laxe, Botas, Valeriano Martínez, Santiago Lago, José González e Conde (Foto: Europa Press)

Directivos de Abanca e Reganosa ocupan catro dos nove postos do consello de administración da Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos da Galiza, constituída esta segunda feira, 3 de maio, na Cidade da Cultura, en Santiago.

Desta maneira, Abanca participa a alto nivel, ostentando a vicepresidencia e dous postos máis na dirección desta sociedade que ten por obxecto seleccionar e impulsar proxectos europeos Next Generation presentados por empresas que logo precisarán recorrer a un banco para solicitar financiamento. Abanca recoñeceu nos seus resultados do ano 2020 que o núcleo da súa carteira compóñeno as partidas correspondentes a financiamento a empresas (38% do total) e mais a familias (45%).

Segundo indicou o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, a finalidade da sociedade é "buscar futuros investidores mais en ningún caso ser unha sociedade de investimento". "Nace para identificar e madurar proxectos, levalos ao seu punto de investimento, que será sempre desde a iniciativa privada e esta sociedade en ningún caso vai investir nos proxectos", engadiu.

O consello de administración  da sociedade fica desde esta segunda feira presidido polo propio Francisco Conde, e ten na Vicepresidencia o conselleiro delegado de Abanca, Francisco Botas; mentres que Emilio Briquetas, director xeral de Raganosa, será conselleiro da sociedade, ao igual que o titular de facenda do Executivo galego, Valeriano Martínez, e mais o de Medio Rural, José González. O secretario do consello de administración e director xeral de goberno corporativo de Abanca, José Eduardo Álvarez-Naveiro; o ex presidente da Xunta e catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, Fernando González-Laxe; e o tamén catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo Santiago Lago Penas sentan no consello de administración. O secretario será o responsábel de asesoría xurídica de Abanca, Eduardo Cortizo García.

A sociedade, nada por decisión do Goberno galego, ten un capital de 5 millóns de euros e dela forman parte a Xunta da Galiza (con participación de 40%), Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%). 

O primeiro reto, segundo explicou Conde no acto de constitución, é "madurar o polo de transformación da Galiza para impulsalo e aspirar a que teña o recoñecemento do Goberno de España para poder xerar oportunidades na transición ecolóxica e dixital". Mais, a continuación, a sociedade "traballará na identificación de máis proxectos".

354 candidaturas

Polo de agora, a Xunta traballa cunha candidatura conformada por 354 proxectos, 107 deles de iniciativa privada e que aínda non foron detallados no Parlamento galego.

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos puxo no albo da crítica a participación de Abanca, nada da privatización das caixas de aforros galegas, e a das empresas Reganosa -que sinalan como responsábel dunha alta emisión de gases invernadoiro- e mais de Sogama nunha sociedade que impulsará proxectos candidatos a uns fondos europeos Next Generation que buscan a transición enerxética e a economía verde.

Comentarios