Eloi Devesa encabeza a candidatura do BNG en Teo

A decisión foi tomada na Asemblea Local entre a militancia do Concello, que tamén elixiu as persoas que integrarán o primeiro tramo da lista.

eLOI dEVESA bng tEO
photo_camera Eloi Devesa

O BNG de Teo anunciou esta sexta feira a elección do primeiro tramo da súa candidatura para as eleccións municipais de maio de 2023. A lista está encabezada por Eloi Devesa (veciño de Lucí), quen asume a responsabilidade logo da renuncia de Patricia Castelao por motivos persoais.

A decisión foi tomada por unanimidade da Asemblea Local, informa a organización. Devesa agradeceu a todas e todos o apoio recibido e a confianza amosada e afirmou sentirse moi orgulloso de pertencer á organización. Ademais, dedicou unhas palabras de agradecemento e os mellores desexos para a anterior candidata.

Devesa indicou estar seguro de que o BNG de Teo estará á altura do momento porque conta con "un equipo unido, forte, comprometido, capaz de afrontar as vicisitudes con naturalidade, con ganas de avanzar e ilusións para traballar".

Nos seguintes postos van Noelia Castaño, Óscar Antón Pérez, Almudena Taboada, Marcelino Rey,  Daria Segade e Irene Tato.

Patricia Castelao, que a semana pasada presentou a súa dimisión como cabeza de lista do BNG en Teo anunciou que tamén deixa a portavocía do grupo municipal e a súa acta como concelleira no Concello. Confirmouno a través do seu perfil persoal de Facebook, xusto un día despois da asemblea local que a formación nacionalista realizou para elixir a persoa que a substituirá á fronte da candidatura do Bloque.

"Si, é certo, non vou como candidata do BNG de Teo e acabo de presentar a miña dimisión como portavoz e concelleira", confirma, na súa rede social persoal, Patricia Castelao, na que engade que está "convencida" de estar a facer "o correcto" nunha mensaxe que acompaña da súa canción "favorita", 'Tempestades de Sal' de Sés.

Comentarios