O BNG de Culleredo presenta Tono Chouciño como o seu candidato á Alcaldía

No acto de presentación estivo presente a portavoz nacional da organización nacionalista, Ana Pontón que destacou de Chouciño a súa “tenacidade na defensa dos intereses da veciñanza dun concello que coñece como a palma da man”.

Ana Pontón e Tono Chouciño (no centro) esta quinta feira na presentación (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e Tono Chouciño (no centro) esta quinta feira na presentación (Foto: Nós Diario).

O BNG de Culleredo presentou esta quinta feira Tono Chouciño como seu candidato á Alcaldía do municipio.

No acto de presentación estivo presente a portavoz nacional da organización nacionalista, Ana Pontón que destacou de Chouciño a súa “tenacidade na defensa dos intereses da veciñanza dun concello que coñece como a palma da man”.

A líder do BNG proclamou que Chouciño será o alcalde que abra un tempo novo de futuro en Culleredo tras as eleccións municipais do 28 de maio.

“Culleredo ten todo o potencial para ser un concello de referencia na comarca e na Galiza, só lle falta liderado político e proxecto de futuro, un proxecto con rumbo e con ideas claras, con alternativas e con propostas para que Culleredo avance, progrese, mellore”, recalcou Pontón.

“Se hai que ir petar a Bruxelas, vai; se hai que darlle voz a Culleredo no Congreso, no Parlamento ou na Deputación, aí está enviando propostas concretas para defendelas a través do BNG onde faga falta”, explicou Pontón.

Contexto de crise

A líder nacionalista tamén fixo referencia ao contexto de crise no que se ten lugar a campaña electoral, cun Goberno do PP “insensíbel aos problemas da xente, instalado na rutina, incapaz de tomar nin unha soa medida relevante para sacar Galiza adiante”. 

Pola súa parte, Chouciño fixo un convite á veciñanza alí presente a dar “un paseo polo concello para que vexades a nosa xente, a quen coma nós quere un concello diferente, comprometido, creativo, optimista. Culleredo quere un goberno que escoite como fai o BNG”.

Comentarios