Ana Pontón replica a Bescansa que o BNG “non vai ser a sucursal de Podemos”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que a proposta “de Carolina Bescansa” dunha mesa de diálogo con esta formación e o PSdeG é unha “cortina de fume para tapar a grave crise” de En Marea.

ANA PONTON ROLDA DE PRENSA

A oferta feita desde En Marea e avanzada por Carolina Bescansa de propor unha "mesa polo cambio político" a PSdeG e BNG será avaliada polos órganos de dirección da fronte nacionalista, que serán os que dean a resposta á mesma. Así o afirmou esta segunda feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que tamén advertiu que o Bloque “non será a sucursal de Podemos nin parte do decorado electoral de Bescansa”. Para Pontón, a proposta feita pola dirixente de Podemos é “unha cortina de fume para tapar a grave crise de En Marea”.

Dixo que o BNG  amousou durante todos estes anos que propiciou gobernos “alternativos ao Partido Popular” mentres que nestes seis meses foi comprobábel, dixo, que “Podemos non tiña esa mesma prioridade”. “Os  seus intereses partidistas estiveron por riba da defensa de esa consigna que agora axitan”. Pontón manifestou que Podemos ten unha estratexia de carácter estatal e nesa confluencia Galiza está desaparecida e sen voz, tendo nas eleccións do 26X os galegos e galegas unha segunda oportunidade para recuperar a "voz propia no Congreso" a través do BNG.

Ana Pontón fiscalizará Feijóo

Na comparecencia ante os medios de comunicación, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera anunciou cambios no grupo parlamentario no que resta de Lexislatura adiantando unha coportavocía na que a deputada Ana Pontón formulará as preguntas ao Feijóo e Francisco  Jorquera asumirá a coordinación do grupo parlamentario e a representación do BNG na Xunta de Portavoces.  

Comentarios