Dez alcaldes e alcaldesas da Mariña piden que se adíen as eleccións do 12-X na comarca

Así o solicitan nun documento remitido ao presidente da Xunta e á Xunta electoral.

EuropaPress_3226129_alcaldes_psoe_bng_distrito_sanitario_marina (1)
photo_camera Alcaldes e alcaldesas que piden que se adíen os comicios do 12-X

Dez alcaldes e alcaldesas da Mariña, comarca cun peche de cinco días decretado desde a segunda feira, debido a un brote de COVID-19 con máis de 130 casos, acordaron pedir o "atraso" das eleccións autonómicas deste domingo nos seus municipios até "garantir o exercicio do voto en condicións seguras e legais". Son rexedores e rexedoras socialistas e nacionalistas. 

Así o ratificaron en declaracións a Europa Press, o alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, e o seu homólogo de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, que consideraron que os comicios deste 12 de xullo "non deben realizarse" este domingo na Mariña.

Por iso, estes alcaldes e alcaldesas asinaron este documento nunha reunión esta cuarta feira para solicitar ao presidente da Xunta e á Xunta Electoral o "atraso" dos comicios deste domingo debido ao brote de COVID-19.

O rexedor de Burela reivindicou que "a Xunta asuma a súa responsabilidade e anule as eleccións" na Mariña porque "non hai motivación e confianza". "Aínda poden subir os casos. Están a facerse PCR a colectivos vinculados ao primeiro brote", destacou, para indicar que "non está controlado".

Nesta liña, o nacionalista Fernando Suárez explicou que "como alcalde ten que estar por encima da política" pola súa "responsabilidade sobre os que os votan, votaron ou votarán". Por iso, cre "unha temeridade e ilegalidade consentir que mil persoas que, por prescrición médica están confinados, poidan ir a unha mesa electoral".

Respecto diso, comentou que as persoas que teñen que estar "12 horas en mesa electoral recibindo centos de persoas" están expostas porque "pode ir xente co virus" a votar, feito que ve "intolerábel". "Paréceme unha irresponsabilidade e temeridade", subliñou.

"Son o representante de todos os veciños deste Concello e por seguridade pública non é adecuado", asegurou sobre a celebración dos comicios porque "non se dan as circunstancias e pode ser unha carnicería".

Por iso, defenden estes alcaldes e alcaldesas "con todos os argumentos legais, non opinións, que as eleccións deben ser aprazadas", sentenciou o alcalde de Ribadeo. "A xente da Mariña non debe ir votar por seguridade", concluíu após lembrar que se suspenderon as campañas electorais nesta comarca.

Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros (BNG), indicou nas redes sociais que "alcaldesas e alcaldes da Mariña vimos de dirixirnos formalmente ao presidente en funcións da Xunta de Galiza solicitándolle a suspensión das eleccións do vindeiro domingo na comarca. Non só o dicimos nós, a comunidade sanitaria tamén advirte de que as cifras non cadran".

Responsabilidade

Por outra banda, no documento os alcaldes demandan á Xunta que asuma a súa responsabilidade no control do cumprimento das medidas adoptadas con motivo do peche desta comarca polo brote.

Respecto diso, lembran que o 13 de marzo constituíuse "un mando único na Xunta" e, matizou o rexedor de Burela, "non corresponde" aos alcaldes e alcaldesas esa responsabilidade de control, senón ao Goberno autonómico.

Comentarios