Deputados do PSdeG rexeitan a decisión da dirección de despedir as traballadoras do grupo parlamentario

Nun escrito, varios integrantes do grupo socialista no Parlamento galego argumentan que "non existe ningunha razón obxectiva para o seu despedimento".
Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

Os deputados do PSdeG no Parlamento da Galiza Martín Seco, Noa Díaz, Eduardo Ojea, Gonzalo Caballero, Noelia Otero, Pablo Arangüena e Marina Ortega presentaron o pasado 20 de xullo un escrito para rexeitar a decisión da formación política de despedir as dúas traballadoras contratadas polo grupo parlamentario.

Segundo detallan no escrito, son "profesionais do xornalismo que sempre exerceron e exercen o seu traballo con absoluta profesionalidade e rigor con total cumprimento das súas tarefas ás ordes de dirección".

O grupo de deputados e deputadas explica que non foi a dirección do PSdeG quen comunicou esta decisión ao grupo parlamentario socialista, senón que foron as propias traballadoras as que trasladaron a noticia, algo que consideran "nada propio da nosa organización". 

"O PSdeG-PSOE naceu para a defensa dos e das traballadoras", prosegue o escrito, "e debe traballar pola estabilidade laboral e os dereitos" das profesionais.

Reverter "inmediatamente" a decisión

Os e as deputadas socialistas que asinan o escrito exixen á dirección do PSdeG e do grupo parlamentario que revertan "inmediatamente" a decisión de despedir as dúas xornalistas.

"Non existe ningunha razón obxectiva para o seu despedimento", argumentan.

Aliás, os asinantes tamén fan referencia á "necesidade" que ten o grupo parlamentario socialista de "contar cun equipo estábel de xornalista" para as tarefas de comunicación na Cámara galega.  

Comentarios