Investidura de Rueda

Luís Álvarez: "Rueda representa un tempo político esgotado que xa deu de si todo o que podía dar"

O portavoz do PSdeG critica a designación de Feixoo como senador: "É un posto creado para defender os intereses desta terra, que non son os intereses do PP".
O portavoz socialista no Parlamento, Luís Álvarez, esta quinta feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera O portavoz socialista no Parlamento, Luís Álvarez, esta quinta feira. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, defendeu a "alternativa socialista" para liderar a Galiza fronte á proposta "vella e esgotada" presentada polo candidato popular á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, a quen advertiu: "A Galiza non pode esperar a que vostede aprenda".

Na súa intervención no debate de investidura, Álvarez contrapuxo o modelo de país "activado e en marcha", que "recupere a ilusión e o dinamismo, que supere os complexos do PP" fronte á proposta "sen ilusión" e con "fatiga" que, na súa opinión, representa Rueda.

"No canto de ideas frescas o que vemos é esgotamento e as mesmas palabras de sempre", sostivo Luís Álvarez, nun discurso no que asegurou que Rueda representa "máis do mesmo". "Un tempo político esgotado que xa deu de si todo o que podía dar", incidiu.

Logo de iniciar a súa intervención cunhas palabras dedicadas a Alberto Núñez Feixoo, a quen agradeceu o seu traballo como presidente "desde a discrepancia política, pero desde o recoñecemento institucional", Álvarez referiuse ao proxecto de Rueda como un spin-off moi "desarticulado". "É algo así como a secuela dunha película, xa de seu mediocre e na que se empeza a ver a cuberta cos créditos finais, do final dun ciclo político", sostivo.

O dirixente socialista, que definiu Rueda como "corresponsábel" das políticas dun Feixoo que deixa unha Galiza "máis pequena", rexeitou a Galiza que "pinta" o Partido Popular.

"Se realmente pisase a rúa, se escoitase á xente, atoparíase axiña con algúns dos grandes problemas do país, coa falta de oportunidades laborais para a xente nova, coas dificultades que teñen miles de pacientes para ser consultados polo seu médico de cabeceira cando o requiren ou coa débil consistencia dos mecanismos de protección habilitados desde a Xunta para facer fronte ás dificultades derivadas da guerra de Ucraína ou do encarecemento dos combustíbeis", sinalou.

A "doutrina" da "confrontación"

Deste modo, logo de facer un "balance" da situación que deixan os 13 anos de Feixoo en cuestións como as políticas sanitarias e a atención primaria, a demografía ou a igualdade, tamén lle reprochou a Rueda que "siga sen máis a doutrina do seu mentor" e "busque sempre alguén a quen cargarlle as culpas do que non son capaces de facer".

"As sesións de control ao presidente Pedro Sánchez xa hai quen llas faga no Congreso, e moi cedo irá tamén o señor Feixoo a facer o propio ao Senado, iso si, valéndose dun posto de designación creado para defender os intereses desta terra, que non son os intereses do PP", reprochou.

Neste punto e despois de que Rueda anunciase na terza feira que trasladaría unha carta a Sánchez con dez preguntas, Luis Álvarez tamén interpelou o candidato popular. "Que pode esperar a mocidade con fame de ter unha oportunidade laboral na súa terra? Un campamento de verán?", preguntou, en referencia tamén aos anuncios feitos polo dirixente popular neste sentido.

Comentarios