Análise

Democracia e consulta soberanista

Henrique del Bosque é licenciado en Dereito e ensaísta.
Numerosas persoas conmemoraron este primeiro de outubro o aniversario do referendo do 1-O na praza de Urquinaona en Barcelona (Foto: Kike Rincón / Europa Press).
photo_camera Numerosas persoas conmemoraron este primeiro de outubro o aniversario do referendo do 1-O na praza de Urquinaona en Barcelona (Foto: Kike Rincón / Europa Press).

No reino de España, un encistado nacionalismo de Estado non só impide a adopción de solucións democráticas perante os conflitos de convivencia e de lexitimidade senón que nega a propia dimensión da política bloqueando iniciativas encamiñadas a procurar vías coas que superar os atrancos. A cerrazón que enchoupa a construción nacional española colide con calquera tentativa de racionalidade, negociación ou diálogo que posibilite o entendemento desde o respecto ás outras identidades nacionais. Unha cerrazón que se aferra á imposición dunha convivencia forzada, prohibindo mesmo o dereito a ser consultados sobre esa condición.

Mais as consultas soberanistas non son accións extravagantes nin insólitas senón canles de dereito para regular e xestionar procesos de lexitimación política e democrática onde o demos está en cuestión. Desde principios do século XX, arredor de sesenta consultas recoñecidas internacionalmente, e que obedeceron a unha gran diversidade de situacións e circunstancias, deron resposta a conflitos territoriais en todo mundo. Cabe mencionar exemplos coma os de Noruega (1905), Islandia (1944), Illas Feroe (1946), Samoa Occidental (1961), Xamaica (1961), Singapur (1962), Malta (1964), Quebec (1980 e 1995), Estonia, Letonia, Lituania, Ucraína, Croacia, Armenia, Macedonia, Kosovo (1991), Bosnia (1992), Porto Rico (1993 e 1998), Montenegro (2006)), Sudán do Sur (2011), Escocia (2014) ou Nova Caledonia (o último en 2021).

Estas consultas permitiron a expresión libre destes pobos sobre a súa condición política e modelos de convivencia, á vez que amosaron como a vontade política pode superar as dificultades xurídicas. Polo tanto, dicir que non é posíbel realizar unha consulta é unha falacia que agacha o feito de colocar pexas para impedir, precisamente, a súa realización. Certo que o art. 149.1.32ª da Constitución atribúe competencia exclusiva ao Estado para autorizar a convocatoria de consultas populares pola vía do referendo e que, segundo o art. 92.3, unha lei orgánica ten de regular as distintas modalidades do mesmo. Porén, no canto de facilitar solucións políticas, o Tribunal Constitucional exerce claramente coma un obstáculo ás mesmas.

Marco legal

Nunha interpretación aberta, cabía entender a posibilidade de que os Estatutos de Autonomía configuraran unha modalidade propia de referendo autonómico dado que ao Estado só lle corresponde a autorización para a súa celebración. De feito, esta foi a postura mantida na Sentenza 103/2008 anulatoria da consulta á cidadanía vasca sobre  as relacións entre o Estado e Euskadi. Mais co medo, tanto ás formas de democracia directa como ás arelas soberanistas catalás, o TC evolucionou cara a unha interpretación moi restritiva pola que entendía que a competencia estatal debería abranguer todos os aspectos relacionados co referendo e non só a súa autorización. Estabeleceu, así mesmo, que a Lei orgánica reguladora das modalidades de referendo (Lormr) é a única axeitada para o estabelecer e regular. As sentenzas 31/2010, sobre o Estatut, e a 31/2015 sobre consultas populares non referendarias, xa negaron calquera potestade autonómica na materia, atribuíndo un monopolio exclusivo ao Estado.

O enorme déficit de cultura democrática no Estado español é un lastre: o xurídico non se pode usar para o secuestro do político

Este novo marco xurisprudencial suscitou numerosas repostas críticas doutrinais de gran calado. A parcialidade do Tribunal no referido á cuestión competencial, a extensión outorgada á reserva de lei orgánica, a mudanza de criterio sobre que debe entenderse por desenvolvemento dun dereito fundamental ou a diferenciación artificiosa entre consultas referendarias e non referendarias figuran entre as máis salientábeis.

E, de feito, ultimamente tense producido unha lixeira apertura por parte do Tribunal, plasmada nas sentenzas do TC 137/2015 e 51/2017, nas que se admiten novas modalidades de referendo, alén das expresamente previstas na Constitución, sempre que as mesmas estean previstas por lei orgánica. Hai, ademais, numerosas opinións e traballos de xuristas que, alén de defender a posibilidade dunha consulta dentro do marco legal e xurisprudencial vixente, presentan diversos mecanismos xurídicos e legais, fundados e razoábeis, para que esta se poida levar a cabo.

É decepcionante que o enorme déficit de cultura democrática no Estado español constitúa un lastre para entender que, en democracia, o xurídico non se pode utilizar para o secuestro do político. No Canadá e no Reino Unido tamén había dificultades recoñecidas e expresadas polo poder xudicial, mais os propios Tribunais axudaron a superalas. Neses casos, contra un esencialismo estatal-nacional, primou a vontade de procurar solucións razoábeis e democráticas.

Comentarios