Demite María Faraldo, deputada do PP, por presunta prevaricación

A exalcaldesa de Betanzos e parlamentar presentou a súa renuncia após abrírenlle xuízo oral por un suposto delito na contratación dun profesor do Conservatorio. 

María Dolores Faraldo
photo_camera María Dolores Faraldo

María Faraldo renunciou esta quinta feira á súa acta como deputada do Parlamento após a abertura dun xuízo contra ela por un presunto delito de prevaricación. Segundo a instrución, existirían irregularidades na contratación dun profesor do Conservatorio de Betanzos durante o tempo en que Faraldo foi alcaldesa. 

A popular asegurou logo de se coñecer que presentara a súa renuncia á executiva do PP galego que será xulgada "simplemente por dar o visto bo á contratación dun profesor de música" após pedilo o claustro. Para María Faraldo "sacaron isto" despois de non "encontraren nada contra min" durante o tempo en que dirixiu o consistorio. 

Pola contra, o PSOE e Cidadáns de Betanzos --que denunciaron as irregularidades-- afirman que non consta "procedemento de selección nen trámite algún" para a contratación do devandito profesor senón que foi incorporado ao plantel en calidade de reparador e afinador de instrumentos. 

A de María Faraldo é a terceira demisión do grupo parlamentar do PP desde que Feijóo é presidente

María Faraldo levaba "21 anos traballando na xestión pública", como ela mesma recoñeceu ao anunciar a súa demisión. Após abandonar a alcaldía en xuño de 2011, converteuse en vicepresidenta da Deputación da Coruña até as eleccións autonómicas de 2012 nas que foi eleita deputada por esta circunscrición. 

Con ela, suman xa tres as demisións no grupo parlamentar do PPdeG. Con anterioridade Pablo Cobián renunciou á súa acta en outubro de 2011 por un suposto cobro de comisións ilegais. Aliás, o que for o deputado galego máis novo, Javier Escribano, tamén demitiu ese mesmo ano por delitos de suborno e tráfico de influencias. 

Comentarios