Demandan no Parlamento accións a prol da igualdade de xénero e contra a violencia machista

O PSdeG-PSOE rexistrou na Cámara unha bateria de preguntas encamiñadas a demandar do executivo galego o cumprimento do principio de igualdade entre mulleres e homes.

A deputada socialista e voceira parlamentar de sanidade polo PSdeG-PSOE, Carmen Acuña, rexistrou no Parlamento un conxunto de preguntas con que o seu grupo interpela o executivo galego a respecto dos instrumentos e ferramentas con que a Xunta conta para loitar a prol da eliminación "de actividades discriminatorias" contra as mulleres.

Segundo @s deputad@s socialistas, malia terse "lexislado e regulado moito a nivel estatal, autonómico e local" nesta materia, séguense a producir irregularidades serias que perpetúan a desigualdade entre homes e mulleres", polo que emprazan a Xunta de Galiza a esclarecer cales son "os intrumentos cos que conta para detectar e modificar" devanditas actividades.

Así mesmo, denuncian as reducións orzamentarias recollidas nos Orzamentos 2013 a respecto das axudas destinadas a familias maltratadas e demandan do executivo galego que “mellore a dotación para a atención das vítimas da violencia machista tanto no referido ao salario da liberdade como para o resto das axudas”. Neste senso, Carmen Acuña, denunciou as reducións no investimento público que se produciron desde 2010 en materia de axudas e asegurou que a xestión que se está a desenvolver da crise económica "pode ter repercusións negativas tamén nesta materia”, pois, debido á falta de medios económicos e humanos o Sergas segue sen desenvolver as medidas previstas na Lei 11/2007 para a atención prevención e detección da violencia de xénero.

Aliás, desde as bancadas socialistas demandarán ao goberno liderado por Alberto Núñez Feijóo que non aplique ningún tipo de taxa xudicial para aqueles casos que teñan a ver coa violencia machista.

Comentarios