CxG quere presentar unha ILP contra a corrupción política

A formación que lidera Xoán Bascuas presentou no rexistro do Parlamento unha proposta de ILP que pretende recoller "a preocupación da cidadanía"
Presentación ILP Corrupción
photo_camera CxG na presentación da proposta de ILP

Tras os últimos casos de imputación en delitos de corrupción de cargos políticos de varias cidades galegas, varias son as iniciativas que pretenden respostar á preocupación cidadá por este tema. Deputad@s de BNG e AGE solicitaron a demisón d@s imputad@s e agora Compromiso por Galicia (CxG) presentou no rexistro do Parlamento a tramitación dunha ILP con medidas de prevención destes casos. Con este primeiro paso legal, conforme o disposto no artigo 4 da Lei 1/1988, do 19 de xaneiro, CxG quere "respostar a unha preocupación da cidadanía", en palabras do seu secretario xeral, Xoán Bascuas.

A iniciativa de CxG ten como referentes, segundo figura no propio texto, outras semellantes doutros lugares do mundo como o caso da ficha limpa da lexislación brasileira. "Cumprimos os trámites legais para comezar a recoller cando menos as 15.000 sinaturas precisas para a toma en consideración no Pleno e subseguinte tramitación parlamentaria”. O secretario xeral de CxG deixa claro que esta ILP non pretende "resolver, castigar ou sancionar, senón prever".

Báscuas aposta polo endurecemento do castigo para @s corrupt@s e unha "exemplaridade na conduta nos representantes políticos galegos, e unha actuación pedagóxica orientada ao cambio dunha cultura política enormamente instalada no imaxinario colectivo". Após a presentación no rexistro da proposta debería acadar as 15.000 sinaturas para a súa toma de consideración no Pleno do Parlamento.

A ILP

No texto rexistrado por CxG preséntanse os motivos polos que se realiza esta proposta e enuméranse, no seu artigo premiliminar, aquelas "actividades de risco que podan incitar" a diversos delitos de corrupción. Logo sinálanse formas de actuación nos procesos electorais galegos, na dación de contas d@s representantes públicos, na limitación de mandatos, na contratación de servizos públicos e, por último, propón a creación dun Consello de Prevención da Corrupción.

Imaxe: CxG

Comentarios