Críticas á visita da presidenta da Femp á Galiza por "ignorar" os concellos afectados polos pellets

O presidente da Fegamp, Albeto Varela, acusa s súa homóloga estatal, María José García Pelayo, de ignorar os intereses dos concellos costeiros galegos no marco dunha visita "electoral" á Galiza.
A presidenta da Femp, María José García Pelayo, reuniuse co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera A presidenta da Femp, María José García Pelayo, reuniuse co presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza).

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o socialista Alberto Varela, censurou a visita que realizou esta segunda feira a Galiza a súa homóloga na Federación Española de Municipios e Provincias (Femp), a popular María José García Pelayo, durante a cal non mantivo ningunha reunión con el, mais si co presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Varela, que tamén é alcalde de Vilagarcía de Arousa, cre que este encontro "encádrase como un acto de campaña electoral" en apoio a Rueda, "como o celebrado onte [domingo] na Coruña coa presenza dos presidentes autonómicos do PP".

Nun comunicado, o presidente da Fegamp tacha de "despropósito" a visita de García Pelayo, alcaldesa de Jerez de la Frontera (Cádiz), sen ter previsto "nin un mínimo encontro" coa federación de municipios galegos.

De costas á crise dos pellets

Varela tamén lamenta que non amosase "nin un xesto de interese" sobre a situación dos concellos costeiros galegos afectados pola chegada dos pellets de plástico ás súas praias e que soubese da súa visita polos medios de comunicación.

O presidente da Fegamp considera que está "fóra de toda institucionalidade" e "non parece lóxico que a presidenta da Femp, que representa a todos os concellos do Estado, non teña nin a mínima inquietude sobre o que está a pasar nos concellos costeiros galegos, aos que tamén representa".

Neste contexto, lembra a García Pelayo que a Fegamp está "á súa disposición" para "cando lle pareza ben" poder manter unha reunión.

Comentarios