Críticas e reproches de cargos socialistas a Pilar Cancela por defender un pacto con En Marea

Dirixentes do PSdeG consideran que a presidenta da xestora “desacreditou” Abel Caballero e emprázana a rectificar.

Pilar Cancela_PSdeG
photo_camera Pilar Cancela_PSdeG

Nova fronte aberta no seo do PSdeG, en plena campaña de primarias e con dúas citas electorais á vista, xerais e galegas. As declaracións de Pilar Cancela nunha entrevista da Cadena Ser defendendo a posibilidade duha alianza con En Marea após os comicios autonómicos caeron como unha bomba en certos sectores do socialismo galego, nomeadamente aqueles próximos a Abel Caballero e/ou os críticos coa actual xestora do PSdeG. Os reproches choveron sobre Cancela desde diferentes responsábeis, recollen medios como o Faro de Vigo, como o PSOE provincial de Pontevedra e de Ourense ou o local de cidades como Vigo, A Coruña e Ferrol.

Consideran que as declaracións de Pilar cancela “desacreditan” o alcalde de Vigo pois este criticara recentemente os gobernos destas candidaturas. A presidenta da xestora manifestou, preguntada na entrevista na Ser Galicia por esas declaracións, que o PSdeG debía “saír do localismo” e ter “unha visión máis ampla”, apontando que o futuro de Galiza pasa “por gobernos alternativos ao PP que desde o PSdeG pretendemos encabezar”. Non gostou a resposta aos sectores socialistas antes mencionados, que cargaron con dureza contra a súa compañeira. Pídenllle que retire o dito, que cualifican de “moi grave” e lémbranlle que unha xestora provisional non é quen de marcar a política de alianzas do PSdeG. Os máis duros mesmo a acusan de “defender as marés contra Caballero”.

A xestión de Pilar Cancela á fronte da xestora ten sido cuestionada en varias ocasións. Nestas primarias, e embora ela defender a súa neutralidade, é vista por certos sectores como unha valedora da candidatura de Fernández Leiceaga. 

Comentarios