A Xunta decántase pola Coruña como candidata a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial

As outras cidades interesadas, Santiago e Ourense, poderían aínda presentar candidaturas á marxe do Goberno galego.
Reunión do Nodo GalicIA, esta segunda feira. (Foto: Xunta)
photo_camera Reunión do Nodo GalicIA, esta segunda feira. (Foto: Xunta)

A Coruña será finalmente a cidade que contará co apoio da Xunta da Galiza para ser candidata a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia).

Así o vén de anunciar ante os medios o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Galiza (Amtega), Julián Cerviño, tras a reunión do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo GalicIA) decorrida esta segunda feira, coa asistencia de representantes do Goberno galego, das tres universidades públicas do país e da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Durante a xuntanza, de case tres horas de duración, os representantes analizaron máis de 200 indicadores de diversa índole —demográficos, socioeconómicos, loxísticos e científicos— e determinaron que A Coruña é a "cidade idónea" para ser candidata a albergar este organismo.

Con todo, está por ver se algunha das outras dúas cidades que xa mostraron interese en emprender a carreira pola Aesia —Santiago de Compostela e Ourense— continuarán nela por separado, posto que o Goberno estatal tamén acepta que sexan as corporacións locais as que presenten formalmente a candidatura.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, acolleu "con moita satisfacción" a decisión da Xunta e insistiu en que a súa cidade "é a mellor situada". Así o manifestou após o anuncio realizado ante os medios.

"É unha boa noticia que ten que culminar coa elección de A Coruña como sede da Aesia. Traballaremos para conseguilo", puntualizou Inés Rei, preguntada pola elección.

Comentarios