Unha escolma do papel

As consultas populares, unha rareza no Estado español

A crise de representatividade abre o debate sobre a necesidade de introducir mudanzas no modelo de democracia actual cara á incorporación de mecanismos de participación e control cidadán. 

123papel

Poder    do    pobo.    Eis    o    significado    de    democracia na súa tradución orixinal do grego antigo. Porén, embora ser considerada a fórmula de goberno máis xusta, o modelo desenvolvido na Europa occidental -baseado na representatividade de institucións eleitas pola cidadanía- atópase desde hai un tempo cuestionado.

A desafección abriu unha fenda no sistema político actual marcada pola "desconfianza cidadá  sobre  as   institucións representativas, unha forte visión crítica sobre o papel dos partidos" e "a sensación de afastamento entre cidadanía e institucións políticas representativas". Así definen os profesores e investigadores Mayor Fuster e Joan Subirats os trazos fundamentais que caracterizan o que conmunmente se denominou crise de representación e que devén dun proceso “radical” de “transformación das bases de socialización e artellamento político” nos que se alicerzaron “as relacións entre sociedade e institucións representativas”.

O estourido desoutra crise a respeito do modelo de democracia implementado no Estado español  após   1978 visa  pór fin ao  denominado “modelo de democracia concentrado”. Aquel en que “os momentos electorais acumulan as tensións e debates no espazo civil” deixando en mans de “profesionais” os “mecanismos de control e debate o resto do tempo”, explican Fuster e Subirats no artigo Crise de representación e de participación publicado na revista Arbor en 2012.

Desde 1978 no Estado español só foron convocados dous referendos, en 1986 e 2005

Eis o cerne, para @s analistas polític@s, da crise de representatividade e en boa medida a causa da desafección cidadá a respeito das institucións políticas, a falta de participación no proceso de toma de decisións. Nomeadamente naquelas que lles atinxen máis directamente.

“O principal problema é que os partidos concorren ás eleccións con programas que, ao cabo dun tempo non aplican e 123(1)mesmo poden facer o contrario”, sinala o profesor da USC, Andrés Cernadas. Este investigador, especializado en cuestións relativas á participación cidadá, amósase certo de que “a cidadanía non se sente representada” e, por iso, “reclama máis que eleccións cada 4 anos”, pois, “nese período poden existir cousas importantes sobre as que quere decidir”.


“Nunha sociedade como a actual, na que se multiplican as fontes de información e medran os espazos de contraste de ideas”, para Fuster e Subirats “non semella lóxica”
a “concentración temporal” do exercicio democrático, senón que, pola contra, “resulta máis efectivo” potenciar unha “democracia de control que inflúa e oriente a acción de goberno” através de “formas de democracia permanente”, sinalan. 

“Os novos movementos sociais reclaman consultas periódicas á cidadanía” sobre aqueles asuntos que lles inflúen, acrecenta Cernadas en conversa con Sermos Galiza.

DOUS REFERENDOS EN 36 ANOS

Porén, este feito contrasta coa realidade do Estado español. Desde 1978 tan só foron convocados dous referendos. En 1986 con motivo da adhesión á NATO e en 2005 co gallo da Constitución europea. As grandes mudanzas lexislativas foron acordadas -en termos xerais- polas dúas grandes forzas políticas en alternancia de goberno, PP e PSOE, sen consultar a cidadanía. Un dos exemplos máis paradigmáticos foi a aprobación da reforma do artigo 135 da Constitución española. “Un pacto de fin de semana” aprobado pola vía de urxencia, en palabras de Andrés Cernadas, para priorizar o pagamento da débeda a calquera investimento público.

Unha reforma lexislativa que condicionou de maneira notábel a vida da cidadanía mais para o que non foi consultada, como en outras ocasións. No Estado español, basta con revisar a hemeroteca, a participación cidadá nos asuntos públicos máis que non ser habitual é unha rareza. Cando menos en materia institucional.

Mais, por que? “É unha cuestión de vontade política”, explica Andrés Cernadas, se ben –acrecenta-- “o marco xurídico pode que non o facilite”. Neste senso, as consultas populares poden ser desenvolvidas por calquera dos tres niveis administrativos (localautonómico-estatal) embora estaren condicionadas ao exercicio das competencias que lles foron transferidas.

Isto é, após a reforma en 2003 da Lei orgánica do Poder Xudicial, aprobada en resposta ao Plan Ibarretxe, a xustiza española castiga con penas de prisión e mesmo de inhabilitación absoluta á autoridade pública que convoque ou autorice unha consulta popular sen lle seren atribuídas “expresamente” as competencias nesa materia.

Así, o goberno español resérvase o dereito de convocatoria de referendos e consultas en materias conflitivas como a reforma da Constitución e, nomeadamente, fronte ao debate independentista.

Aliás, ao tempo que se reserva o dereito de convocatoria, non o exerce. Embora, “ter potestade para exercer un dereito” existe “a prerrogativa de executalo ou non”, sinala o profesor Cernadas. “Depende da vontade política”. E no Estado español esta semella non existir. 

O MODELO SUÍZO

Porén, acontece que noutros territorios, o normal é votar e someter a consulta popular múltiples e diversos temas. “O extremo é Suíza”, apunta Andrés Cernadas. “É un país cunha cultura da implicación cidadá que constitúe unha rareza no sistema global”, explica. A poboación suíza conviviu con referendos e consultas antes mesmo de se aprobar a Constitución de 1848.

Nese contexto, a poboación pode exercer os seus dereitos políticos através de diversos mecanismos de democracia directa que conviven co carácter representativo das súas institucións. Así, a Carta Magna suíza formaliza referendos de carácter obrigatorio aos que deberá ser sometida mudanza lexislativa que interprete a Constitución, así como para a adhesión do territorio a un tratado internacional. Asemade, outras leis ou decretos serán sometidos a consulta -se teñen unha duración de máis dun ano- cando un mínimo de 50 mil persoas así o solicitaren nun prazo de 18 meses desde a súa promulgación.

Aliás, as Iniciativas Lexislativas Populares deben estar avaladas por 100 mil persoas mais a súa transformación en lei é automática –ao contrario do que acontece en Galiza ou no Estado español que deben ser tomadas previamente en consideración polo poder lexislativo, o Parlamento. Neste senso, a Asemblea Federal poderá presentar –de discordar da ILP-- unha alternativa, iso si, estes textos deberán ser votados de maneira que a cidadanía elixa entre unha ou outra proposta.

NOS EUA TAMÉN SE VOTA

Un caso menos extremo mais tamén paradigmático en relación co proceder español é o dos EUA. Conxuntamente coas eleccións lexislativas ao Congreso e o Senado, diversos estados norteamericanos someteron a consulta popular até 140 propostas de lei sobre múltiples asuntos. A legalización da marihuana (nos estados de Alaska e Oregón); a penalización do aborto (no estado de Colorado); o control de armas (en Washington) ou a fixación dun salario mínimo para os Estados de Alaska, Arkansas, Nebraska e Dakota do Sur.

Os resultados non foron os que se agardaba e, por exemplo, a cidadanía rexeitou incrementar as retribucións salariais mínimas a 10 dólares a hora, o que leva a reflexionar sobre cando preguntar e se todas as cuestións deben ser consultadas.

“Non todo pode consultarse, pois poderiamos rematar con decisións ilóxicas e irracionais mais aquelas cuestións que afecten a cidadanía si deberían ser votadas”

“Calquera extremo pode ser malo”, sinala Andrés Cernadas. “Persoalmente coido que non todo pode consultarse pois poderiamos rematar con decisións ilóxicas e irracionais”, mais “aquelas de sentido común que afecten a cidadanía si deberían ser votadas”. Cernadas exemplifícao a respeito do “modelo de cidade que queremos”, “a implantación dunha economía máis ou menos restritiva” ou o “modelo produtivo” a desenvolver. E neste senso, unha Proposición de lei presentada na Cámara galega polo BNG visaba o desenvolvemento do marco legal necesario para que o pobo galego puider pronunciarse –através de diversas ferramentas-- naqueles asuntos que lle afectan.

Galiza é, segundo determinan os estudos do profesor da USC, Andrés Cernadas, un exemplo de territorio onde “non hai participación”. As conclusións que se tiran das súas investigacións remataban coa idea de que “hai moi poucas cousas que reseñar” en relación con outros territorios e iso, en si propio, era xa un resultado significativo. “Unha das causas disto é que apenas hai cultura participativa, a xente está acostumada a non facelo despois de votar” e delegan o proceso de toma de decisión nas persoas eleitas como representantes. Asemade, acrecenta, “a fórmula de participación e os asuntos decídeos un político” polo que “a cidadanía non sente interese”.

Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº 123, publicado o 20 de novembro de 2014

Máis en POLÍTICA
Comentarios