De conselleiros na Galiza a simples 'soldados rasos' do PP en Madrid

Conde e Quintana sen responsabilidades no Congreso.
Conde

Para o asalto á Moncloa, Alberto Núñez Feixoo rodeouse dun núcleo de fieis e coñecidos, grupo que non se circunscribía aos dos seus colaboradores máis próximos na súa etapa como presidente da Xunta da Galiza, como Miguel Tellado, Marta Varela —a súa xefa de Gabinete— ou Mar Sánchez, a súa man nos medios de comunicación.

Para ese asalto, fracasado finalmente ao non lograr sumar apoios para ser elixido no Congreso como presidente do Goberno español, tamén levou para Madrid a cargos do Executivo galego, como o vicepresidente e conselleiro de Industria Francisco Conde ou a titular do departamento de Mar, Rosa Quintana. Unha lista á que engadiu Pedro Pui, naquela altura portavoz do PP no Parlamento galego.

Mais, a día de hoxe estes tres nomes —no seu día con cargos de peso na Galiza— son simples 'soldados rasos' do PP en Madrid. Após o reparto de postos e cargos das comisións do Congreso entre o grupo popular na Cámara baixa, só Pui logra unha portavocía, na Comisión de Economía.

Conde e Quintana,que estiveron á fronte de consellarías de importancia durante varias lexislaturas e aos que desde non poucos sectores se lles sinalaba destinados a xogar un rol de importancia en Madrid, fican de momento como simples deputados no Congreso, sen máis. 

Núcleo duro

Distinta sorte correu Miguel Tellado, a quen designou portavoz do Partido Popular no Congreso, un posto que máis dun xa adxudicara nas quinielas a Pedro Pui.  

Mar Sánchez, Marta Varela e Luis de la Matta —que acompañaron Núñez  Feixoo no salto a Madrid para conquistar a Presidencia do Estado— continúan a ser o núcleo duro do presidente do PP español e o seu círculo de maior confianza. 

Comentarios