O conflito de Reganosa co Concello, ao Parlamento

A empresa exixe 6 millóns de euros a Mugardos, unha cantidade que segundo o BNG equivale ao orzamento anual do municipio.
Mon Fernández, Argemino Varela e Mercedes Tobío. (Foto: Nós Diario) #mugardos #bng #reganosa
photo_camera Mon Fernández, Argemino Varela e Mercedes Tobío. (Foto: Nós Diario)

O conflito entre a empresa de gas natural licuado Reganosa e o concello de Mugardos chegará ao Parlamento de Galiza despois de que o deputado comarcal Mon Fernández presentase dúas iniciativas para pedir explicacións á Xunta, na súa calidade de socia de referencia no capital de Reganosa. Esta empresa, tal e como o explicou o alcalde de Mugardos, Xoán Domingo de Deus, presentou unha reclamación xudicial contra o concello demandando “pagos indebidos en concepto do Imposto sobre as Actividades Económicas (IAE).

Nunha rolda de prensa -e acompañado da portavoz comarcal do BNG, Mercedes Tobío, e do portavoz municipal da organización en Mugardos, Argemino Varela-, Fernández abordou o conflito derivado da reclamación de Reganosa contra o concello de Mugardos.

Neste sentido, o deputado manifestou que o BNG “amosa a súa preocupación” polo montante económico da reclamación, unha cantidade que estaría “próxima” aos 6 millóns de euros, e que “equivale ao orzamento anual de Mugardos”. Tamén engadiu que lle preocupa “a paralización de certos investimentos e colaboracións económicas da empresa que viñan sendo habituais no concello".

Fernández sinalou que "unha das cuestións que máis preocupación e indignación provocan é a ameaza de tributar a partir de agora en Madrid”.

Ademais o feito de que a Xunta teña unha porcentaxe “importante” do capital social da empresa “incrementa” a preocupación do BNG. Neste sentido, Fernández detallou as dúas iniciativas presentadas no Parlamento coa fin de obter respostas do goberno do país.

A primeira, unha pregunta oral, busca que a Xunta responda se tiña coñecemento da interposición da demanda contra o Mugardos e se o executivo pensa adoptar medidas “para evitar que Reganosa chegue a emprender as accións anunciadas”.

Por outra banda, o BNG presentou unha proposta non de lei, co obxectivo de que o Parlamento cualifique de “inaceptábel” que Reganosa “poña en risco as contas e o financiamento do Concello de Mugardos”.

Na proposición non de lei tamén está recollido que a Xunta, “en tanto que é partícipe do capital social da empresa” debería tomar “as medidas necesarias para que a sociedade renuncie a emprender as accións xudiciais, así como a cambiar o lugar onde realiza a súa tributación".

Comentarios