O alcalde de Ribeira recrimina "coaccións e posíbeis intereses económicos persoais para asinar a moción de censura"
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, afirmou esta terza feira que "en Ribeira asistimos á presentación dunha moción de censura absolutamente bochornosa". Neste sentido, sinalou que esta "non responde ao interese xeral da nosa veciñanza, senón unicamente a intereses persoais e partidistas".
"É vergoñento comprobar como o Partido Popular é capaz de facer o que sexa para obter o poder, mesmo a costa de pór en risco a estabilidade do noso concello e de traizoar a confianza depositada polos veciños", abondou o aínda rexedor. "O PP, en conivencia con catro concelleiros do PBBI, rexistrou unha moción que se debaterá o vindeiro 13 de outubro e que, de prosperar, desaloxaranos da Alcaldía", explicou.
"Cómpre dicilo con claridade, esta moción se presenta contra un goberno que funciona, un goberno transparente, dialogante e que sempre puxo os dereitos e os intereses da veciñanza por diante das siglas e dos intereses particulares", defendeu Pérez.
"O pacto entre PP e PBBI contrasta radicalmente co acordo que asinamos no seu día BNG, PBBI e PSOE. Aquel foi un pacto público, transparente e leal. O que vemos agora é todo o contrario, un pacto escuro, tecido ás costas da cidadanía, que rompe compromisos asinados e que mesmo racha internamente o PBBI, pois só 4 dos seus 5 concelleiros o apoian", destacou.
"É o peor que se pode facer en política, faltar á palabra dada e traizoar aos veciños", afirmou o alcalde nacionalista. "PP e PBBI deberán explicar cal é o motivo real desta moción de censura, porque a cidadanía de Ribeira non merece que se antepoñan ambicións persoais nin que regresen as vellas formas de gobernar", engadiu.
"Non se pode esquecer que moitos dos que hoxe asinan esta moción recoñeceran no 2023 que sufriran presións e mesmo tentativas de suborno para impedir que chegasen a un acordo co BNG", lembrou. Neste sentido, o alcalde recrimina "coaccións e posíbeis intereses económicos persoais para asinar a moción de censura". "Que cambiou agora para que se sumen a este movemento?", preguntou o rexedor.
"A resposta é evidente, unha operación orquestrada desde o Partido Popular, coa complicidade da Xunta da Galiza, que leva tempo boicoteando o noso concello", denunciou. "Primeiro foron os atrancos ás festas de Ribeira, logo o bloqueo á residencia pública de maiores, e tamén os recortes en servizos esenciais como sanidade e educación. Todo isto formaba parte dunha estratexia para xustificar unha moción de censura que, lonxe de ser un acto democrático, é un ataque directo á vontade popular", aseverou Pérez.
"Quero dicir con total rotundidade que nin eu nin o BNG nos imos render. Imos seguir traballando en positivo, defendendo os intereses xerais da xente e pondo sempre por diante o ben común de Ribeira", acrecentou. "A nosa veciñanza sabe que estivemos e estaremos sempre ao seu lado. Non temos nada que agochar nin pactos escuros que xustificar. O que si temos é compromiso, transparencia e palabra", sinalou o alcalde.
Ademais, Luís Pérez agradeceu "o compromiso, a lealdade e a honestidade do grupo municipal do BNG, do concelleiro do PSOE e dos edís Juan Furones e Tania Redondo polo seu traballo, dando o mellor para chegar a esa Ribeira en grande que quixemos construír e que se visibilizou durante estes dous anos de goberno".
Por iso, manifestou, "a todos os veciños e veciñas de Ribeira lles digo que seguiremos defendendo o voso dereito a un concello gobernado con honestidade, responsabilidade e lealdade". "E a quen pretende gobernar a través de traizóns e intereses persoais, advertímoslles que Ribeira non merece isto e que a veciñanza saberá xulgalo", concluíu.

