Compostela pide a declaración de zona tensionada e que se considere 'gran propietario' a quen teña cinco ou máis pisos
463 titulares de vivenda na capital da Galiza teñen cinco ou máis inmóbeis, sumando entre todos eles un total de 3.700.
Compostela oficializou esta segunda feira a petición á Xunta da Galiza para declarar a capital como zona tensionada e poder aplicar así diversas medidas para frear a escalada de prezos do aluguer e a carencia de vivendas en arrendamento. A solicitude de Compostela —a segunda cidade en dar o paso de pedir ser declarada zona tensionada, após facelo A Coruña— vén con dúas demandas específicas. A primeira, solicitar que se amplíe a consideración de 'grandes propietarios' a quen teñan cinco ou máis inmóbeis residencias. A Lei de Vivenda estatal fixa o mínimo en dez, mais tamén admite que se rebaixe se hai motivos que o xustifiquen e o Goberno local de Compostela así o considera.
Segundo explicou esta segunda o concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, na capital galega hai máis de 100 vivendas en titularidade exclusiva de persoas xurídicas ou físicas que teñen un mínimo de cinco inmóbeis. Ademais, hai 463 titulares de cinco ou máis vivendas que, con diferente nivel de participación na propiedade, concentran 3.700 pisos e vivendas, case 7% dos inmóbeis residencias urbanos da cidade.
A segunda demanda específica que fai o Goberno compostelán é que os inmóbeis para aluguer que nos últimos cinco anos non foran arrendados non poderán exceder o límite máximo do prezo aplicábel conforme ao sistema de Índices de prezos de referencia, para a renda pactada ao comezo do contrato.
O estudo encargado ao Grupo de Estudos Territoriais da Universidade da Coruña (UDC) fixa que a cidade cumpre con dous requirimentos chaves para obter esta declaración: a carga media do custo do aluguer supera 30% da renda media dos fogares e o prezo do arrendamento experimentou nos últimos cinco anos unha porcentaxe de crecemento acumulado como mínimo tres puntos por riba da media do crecemento do índice de prezos ao consumo ( IPC) na Galiza. O Observatorio Galego de Vivenda rexistra que o prezo medio do aluguer aumentou na Coruña en 34% nestes cinco anos, de 2021 —ano posterior á pandemia— a 2025, mentres que en Compostela o incremento foi de 35%.
O Goberno galego ten seis meses para responder a solicitude cursada desde Compostela. De non facelo, indica o Goberno local, iríase a un contencioso-administrativo. A declaración ten unha duración de tres anos
Que implica?
Unha vez que a cidade sexa declarada de mercado tensionado, procederase a limitar o incremento do aluguer entre un e outro contrato e porase tope ao custo do arrendamento aplicando o Índice de prezos de referencia. A Lei de Vivenda fixa que os grandes propietarios non poderán asinar novos alugueres con prezos superiores ao do Índice de referencia para a súa zona, nin con subas superiores ao incremento de actualización máximo permitido respecto do prezo do anterior contrato.
Para a pequena propiedade, os incrementos en novos contratos só poderán ser da porcentaxe de actualización anual permitida sobre o prezo do anterior contrato. Coa declaración de zona tensionada tamén hai incentivos fiscais para a mobilización de inmóbeis para aluguer e o Concello terá acceso a fondos específicos do Goberno estatal para vivenda que lle permitirán permitirá desenvolver novas actuacións neste ámbito.
A Coruña, a primeira
A Coruña foi o primeiro concello galego en pedir a declaración de zona tensionada. A súa alcaldesa, Inés Rei, tamén se mostrou moi crítica no seu día coa actitude do Goberno galego, que lle solicitou ao Concello diversas rectificacións na documentación remitida e que xa foron subsanadas. A rexedora instou a pasada semana a Xunta a non agardar seis meses para aprobar a declaración. 50% dos distritos da cidade e 70% das seccións censais coruñesas cumpren cos requisitos para ser zonas tensionadas, defende o Goberno local. A Coruña espera ter este recoñecemento para, ao seu abeiro, topar prezos do aluguer, apostar por máis vivenda pública e aprobar actuacións de vara a mobilizar pisos baleiros.
Así, o plan elaborado polo Executivo local inclúe medidas como fomentar a cesión de chan municipal a cooperativas e promotores e tamén ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para vivenda pública de aluguer. Ademais, o Concello da Coruña tamén pretende impulsar un Banco Municipal de Vivendas.
Rueda: "Non funciona"
O presidente galego, Afonso Rueda, respondeu esta segunda feira, a preguntas de Nós Diario, que se ben o seu Executivo non gosta da Lei de Vivenda, "hai que cumprila e se os concellos [que solicitan ser declarados zona tensionada] se axustan aos requisitos da lei" terán ese recoñecemento. Rueda, porén, insistiu en que "non creo en absoluto" en que a declaración de zona tensionada sexa unha solución. Alí onde se aplicou, dixo o presidente, "non funciona".
En Catalunya, 271 municipios foron declarados pola Generalitat zonas tensionadas, afectando 90% da poboación catalá. Este mes faise un ano dos primeiros concellos con ese recoñecemento. A ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, asegurou que no primeiro ano de aplicación de zonas tensionadas en Catalunya reduciuse o prezo do aluguer perto de 4%.
Oleiros pide a retirada de licenzas a 80 VUT
O Concello de Oleiros (comarca da Coruña) solicitou esta segunda á Xunta que retire autorizacións outorgadas a vivendas de uso turístico (VUT) por non axustarse ao Plan xeral de urbanismo" nin ter "licenza de actividade". Serían 80 VUT.
Austria ten 24% de alugueres sociais e Países Baixos pon tope ao arrendamento
A crise da vivenda non se circunscribe á Galiza ou Estado español e tamén deixa pegada nos diferentes países europeos, se ben con diferente intensidade. Hai estados onde levan anos desenvolvendo políticas públicas de vivenda ou ben onde aínda hoxe en día perduran os efectos das políticas de vivenda adoptadas hai tempo. Países Baixos ten 30% de vivendas destinadas ao aluguer social, o que o converte no país europeo con máis parque destinado a esta modalidade na que os prezos que se aplican son inferiores aos do mercado. Por detrás está Austria, con 24%; Dinamarca e Suecia con ao redor de 20% cada unha; e Reino Unido e Francia, onde abeiran 17% en ambos os dous casos.
En Países Baixos, os prezos indéxanse coa inflación e os arrendamentos non poden custar máis dun tope mensual fixado polo Goberno e que afecta ao redor de 300.000 vivendas. 70% das vivendas de aluguer privadas teñen unha renda regulada e tamén teñen limitados os aumentos de cada ano. No caso de Suecia, o prezo de referencia xorde da negociación colectiva entre inquilinos, empresas municipais de vivenda e propietarios privados. Outro caso é o de Francia, que conta cun índice de referencia vinculado ao IPC e permite que as cidades que queiran poidan limitar a suba de alugueres a un máximo de 20% sobre o arrendamento medio de referencia.
En Alemaña, cada cada land ou estado federado pode facer que os concellos fixen controis nos alugueres de zonas densamente poboadas, onde o prezo sobe máis que a nivel estatal e o esforzo dos inquilinos é maior que a media alemá.


