Vivenda

Así é a empresa pública de vivenda que pretende impulsar o Concello de Santiago

O obxectivo é mobilizar o parque de vivendas xa existente para impulsar o aluguer.
Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vivendas en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Santiago constituíu esta terza feira a Comisión Especial que se encargará da creación dunha empresa municipal de vivenda que terá por obxectivo contribuír á "necesaria mellora das condicións de acceso e á rehabilitación e recuperación do patrimonio inmobiliario compostelán", salientaron desde o Goberno local, que entende que se trata dun instrumento "fundamental" para poder executar políticas "efectivas" en materia de vivenda.

Partindo do acordado polo pleno municipal en novembro de 2021, a Secretaría requiriralles aos diferentes grupos políticos a designación de cadansúa concelleira que os represente na citada Comisión, cuxo principal cometido será elaborar a Memoria xustificativa e mais a Proposta de estatutos da nova sociedade mercantil de capital integramente municipal. Este organismo, presidido pola Alcaldía, estará formado tamén por persoal técnico dos departamentos de Secretaría, Urbanismo, Asesoría Xurídica, Orzamentos e Intervención.

O obxectivo prioritario da nova sociedade será a "rehabilitación e recuperación" do parque inmobiliario xa existente para crear, de forma gradual, un parque de vivenda de titularidade municipal en réxime de aluguer que contribúa a "paliar o déficit habitacional", subliñan desde o Concello.

Todas as súas actuacións desenvolveranse no marco dun modelo urbano "que aposta pola recuperación e reutilización do parque residencial existente", e estarán guiadas "polos principios de sostibilidade, racionalidade, eficiencia, eficacia, calidade e equidade". Os ámbitos espaciais de actuación preferente da nova empresa pública serán a Cidade Histórica e os barrios de iniciativa pública construídos na segunda metade do século XX.

Comentarios