CIS de maio: o PP segue a recortar distancias co PSOE e o BNG garante a representación no Congreso

O barómetro deste mes deixa o PP de Alberto Núñez Feixoo en segunda posición e a menos de dous puntos do PSOE.
Estimación electoral do CIS a raíz dos datos do barómetro de maio. (Infografía: Europa Press)
photo_camera Estimación electoral do CIS a raíz dos datos do barómetro de maio. (Infografía: Europa Press)

O Barómetro de Opinión realizado este mes polo Centro de investigacións Sociolóxicas (CIS) mantén o PSOE na cabeza co mesmo apoio electoral que en abril, 30,3%, malia que os socialistas volven ver recortada a súa vantaxe, xa que o PP sobe até 28,7%, polo que só os separan 1,6 puntos.

A terceira posición é para o ultradereitista Vox, que marca récord na lexislatura e anota 16,6%, mentres cae Unidas Podemos, que fica por baixo de 10%. Ciudadanos, pola súa parte, segue a súa caída e xa recibe menos de 2% dos sufraxios.

Pola súa parte, a estimación do CIS dá ao BNG 0,5% dos votos de cara ás eleccións xerais, resultado que lle permitiría manter a representación no Congreso e achegarse a un segundo escano, algo que xa reflicten diferentes enquisas.

ddd
Diferenza dos apoios logrados no CIS de maio, o de abril e mais as eleccións xerais de 2019. (Infografía: Europa Press)

Esquerra Republicana (ERC) segue dominando en Catalunya con 2,55% fronte a 1,2% de Junts e 0,6% da CUP, mentres que o PNV superara Bildu por só dúas décimas: 1,3% fronte a 1,1%.

A enquisa baséase en 3.865 entrevistas telefónicas realizadas entre os días 3 e 12 de maio, coñecida xa a convocatoria de eleccións en Andalucía e tras a polémica xurdida pola espionaxe a líderes independentistas e membros do Goberno estatal co sistema Pegasus.

Voto directo na enquisa

Ao preguntar aos enquisados que votarían se mañá mesmo houbese eleccións, por vez primeira nesta lexislatura prodúcese un empate entre os dous grandes partidos, pois 20,8% anuncia o seu voto directo ao PSOE e outra porcentaxe idéntica adianta o seu voto ao PP.

Moi lonxe aparecen Unidas Podemos e Vox, con 7,8 e 7,7%, respectivamente, mentres o BNG lograría 0,5%. Tamén hai un 11,8% que non sabe a quen votaría, un 3,4% que evita contestar e un 10,8% que se abstería.

Comentarios