23-X

Cesión da parcela de Peleteiro, humanización de Conxo e tren a Lugo, demandas do BNG ao Goberno español para Compostela

A alcaldesa apunta a medidas a "medio prazo" para paliar os problemas de vivenda, como que se aumente o orzamento do Consorcio

Néstor Rego e Goretti Sanmartín, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego e Goretti Sanmartín, esta cuarta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, e o número un da candidatura do Bloque pola circunscrición da Coruña, Néstor Rego, presentaron as principais demandas do BNG ao Goberno español desta formación para a nova lexislatura. No que respecta á cidade compostelá: humanización da rotonda de Conxo, cesión da parcela de Peleteiro para vivenda pública, unha liña de tren a Lugo, estación de mercadorías da Sionlla, un centro da UNED e un xulgado específico de violencia de xénero, entre outras.

Sanmartín remarcou as reclamacións pendentes do Estado español coa capital da Galiza e valorou o traballo de Rego no Congreso reivindicando "débedas históricas por parte do Goberno central".

Así, lembra que "moitísima poboación" de Compostela puxo a súa confianza no Bloque nas últimas municipais, polo que pide o apoio ao BNG nas eleccións xerais para conseguir un grupo propio e "ter unha alternativa real que defenda os intereses de Galicia e santiagueses".

Respecto diso, a rexedora referiuse a unha "cuestión pendente desde hai moitísimo tempo", "a pesar de pasar por aí ministros e ministras a facerse a foto", como é a humanización da rotonda de Conxo. "Non se entende que pasados os anos permaneza o barrio fragmentado" e con "problemas de seguridade", quéixase.

Cre urxente que o Goberno español realice unha actuación que non significa "gran cousa" desde o punto de vista orzamentario, pero que supón "unha débeda coa veciñanza de Conxo". Require a instalación de pantallas de insonorización, así como mellorar accesibilidade e integración no barrio.

Entre outras peticións, esixe que a estación de tren de mercadorías da Sionlla "sexa unha realidade", unha infraestrutura necesaria para unha boa distribución entre os polígonos industriais e o biopolo tecnolóxico; así como un centro da UNED en Santiago, que "centos de persoas reclaman".

Tren a Lugo

Sobre a modernización de infraestrutura, Rego critica a falta de tren que una a Santiago con Lugo. Considera "unha anomalía que dúas das principais cidades galegas non estean conectadas por ferrocarril cando falta un tramo de menos de 30 quilómetros entre Curtis e Ordes". "Non é unha actuación que sexa inabarcable, senón unha cuestión de vontade política", opina.

Néstor Rego comezou a súa intervención cun encomio a Sanmartín, que "está a xerar unha onda de esperanza en Compostela", de forma que cre que as cousas van cambiar "en positivo".

O candidato do Bloque ás estatais garante que a rexedora vai responder "á expectativa" e "non vai haber ningún tipo de submisión a directrices alleas".

Igualmente, mostrou o compromiso do BNG "para ser a voz da cidadanía de Santiago de Compostela no Congreso dos Deputados". Pide "ter a forza suficiente cun grupo galego en Madrid que condicione de maneira permanente as maiorías absolutas" e para "obrigar a que eses compromisos se cumpran na súa integridade". Rego sostén que o Bloque "é unha forza política que non os vai nunca a decepcionar".

Máis en POLÍTICA
Comentarios