Carmen Acuña: "O convenio do Sergas coa Igrexa non sei se debe ser suprimido, mais debe ser revisado"

A consellaría de Sanidade destina unha partida orzamentaria anual de 800 mil euros a pagar as nóminas de 53 capeláns que prestan asistencia relixiosa nos hospitais públicos da Galiza. Sobre esta cuestión preguntou o PSOE no Parlamento na lexislatura pasada. Nesta volverá facelo
photo_camera Carmen Acuña [Imaxe: PSdeG-PSOE]


Pregunta: Como chegou ao seu coñecemento que o Sergas estaba a finanzar a asistencia relixiosa nos hospitais públicos?

Resposta: A información chegoume a través de traballadores do hospital de Ourense, cos que teño unha relación fluída por ser eu de Valdeorras. Curiosamente a mesma queixa chegara xa ao noso grupo parlamentar na lexislatura anterior, e o compañeiro que se ocupaba da Administración pública rexistrata unha iniciativa en que afirmaba que había 54 capeláns en toda Galiza e preguntando cal era a partida orzamentaria que se lles destinaba e se tiñan pensado reducírllela.

P: Reducírllela ou suprimírllela?

R: Reducírllela. Non queremos emprender unha persecución contra os capeláns. No momento en que se fixo aquela pregunta, a reclamación que chegaba desde a rúa era 'Ouzan! Se se están a reducir absolutamente todas as partidas no Sergas, para enfermeiría, para médicos, para celadores... como lles vai afectar o recorte aos capeláns?' Entendeuse que hai xente que fai uso dos servizos que prestan os capeláns, polo que simplemente cuestionamos á Xunta sobre se as reducións xeneralizadas afectarían tamén esta partida.

P: Cal foi a resposta da Xunta?

R: A que xa coñeces. Fóra de ton, como é habitual, e xustificándose en gobernos anteriores, como é tamén habitual. Dixeron que manterían o cadro de persoal de capeláns como estaba co goberno bipartito.

"Non queremos emprender unha persecución contra os capeláns"

P: As competencias de sanidade nese goberno estaban en mans do PSOE. Por que non modificaron o convenio?

R: Tanto ten o que aconteceu hai cinco anos ou hai vinte. Estamos a preguntar neste contexto e coas circunstancias actuais, cando se está a recortar temerariamente en recursos humanos e salarios de todos os servizos agás aqueles que teñen a ver coa Igrexa. Rebáixanse os salarios de todos os profesores menos dos de relixión, recórtase no persoal que atende no Sergas e non no número de sacerdotes. Semella que existe unha bula especial para todo o relacionado coa relixión que nós nin entendemos nin partillamos.

P: Referíase antes da pregunta que presentou o deputado José Manuel Lage Tuñas en 2011, non si?

R: Efectivamente.

P: Mais as circunstancias mudaron desde aquela. Os orzamentos da Xunta farán desaparecer por volta de 3 mil empregos na sanidade pública e vostede volverá levar ao Parlamento o convenio coa Igrexa. Pedirán agora a suspensión?

R: Si, seguirei preguntando. Curiosamente haberá por volta de quince días persoal sanitario do CHOU transladoume máis unha vez a súa inquedanza. Entendo que a xente que ve recortados os seus dereitos laborais se fixen especialmente nesta cuestión, que consideran unha desigualdade. Volverei preguntan se pensan mudar algo, o número, o salario. Quero coñecer exactamente en que consiste o convenio e non sei se suprimilo mais si revisalo.

"Existe unha bula especial para todo o relacionado coa relixión que nós nin entendemos nin partillamos"

Este servizo a xente emprégao. Cústame entender que haxa que pagar este servizo, debería prestalo a Igrexa de balde. Entón paréceme mal que se revisen todos os acordos menos ese; e dentro dese paréceme mal que ese apoio espiritual non sexa prestado en igualdade de condicións entre homes e mulleres e de maneira gratuíta, brindando ao enfermo o mesmo apoio que cando están fóra do hospital.

Non entendo por que hai que lle pagar un extra á Igrexa católica, nin por que as outras relixións non teñen un espazo nos centros sanitarios.

P: Di que gostaría de coñecer o contido do acordo. Tamén para unha parlamentar é tan complicado como para a imprensa o acceso a un documento que debera ser público?

R: [ri] Pedir ese documento será o primeiro que faga, a través do artigo 9. Efectivamente teño que comentar que a información que solicitamos a través desta fórmula, que nos permite aos deputados coñecer contratos incluso entre particulares, e non para rexoubar senón para supervisalos, o Goberno non ten facilitado eses documentos coa soltura coa que debera facelo. Temos moitísima documentación pendente! Até a auditoría das caixas! Esa que recomendaba a fusión... e mira o resultado. Imaxina o que pode acontecer con cousas máis pequeniñas como pode ser este convenio.

P: A que vén esta "deferencia" coa Igrexa católica, en palabras súas, e nun Estado que se di aconfesional?

R: Ao peso que tivo sempre, e que segue a ter. Quero pensar que menos que noutras épocas. Está aí na educación, na sanidade e na vida diaria, condicionando as leis e con interferencias gravísimas como a limitación da interrupción voluntaria do embarazo, de probas xenéticas e de cuestións onde habería que lle preguntar máis á ciencia que á relixión.

Comentarios