As condicións de Junts

VÍDEO | Carles Puigdemont: "Se hai acordo, debe ser histórico, e hoxe non se dan as condicións"

O líder de Junts expón as súas condicións para apoiar un candidato á Presidencia do Goberno español, entre as que inclúe a amnistía e o dereito á autodeterminación de Catalunya. "Non aguantamos todos estes anos a nosa posición para acabar salvando unha lexislatura", advertiu.
Comparecencia de Carles Puigdemont esta terza feira (Foto: Europa Press).
photo_camera Comparecencia de Carles Puigdemont esta terza feira (Foto: Europa Press).

O líder de Junts e ex president da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, compareceu na mañá desta terza feira ante os medios desde Bruxelas para expor o sentido do voto da súa formación de cara á investidura do vindeiro presidente do Goberno español. Comezou a súa intervención evidenciando as "diferenzas" que o separan das principais forzas políticas estatais, logo da súa reunión con Yolanda Díaz, e por tanto a "enorme dificultade de encarreirar as negociacións" para unha futuríbel investidura de Pedro Sánchez.

Puigdemont lembrou que tanto PP como PSOE precisarían dos votos de Junts para gobernar e, neste senso, avanzou que non negociará un simple pacto de investidura: "Se hai acordo, ten que ser histórico. Un acordo e un compromiso históricos como os que ningún goberno español, a pesar dalgúns intentos, foi capaz de facer desde a caída de Barcelona o 11 de setembro de 1714". E a día de hoxe, matizou, "non se dan as condicións" para alcanzar ese "grande acordo" que permita reeditar a coalición PSOE-Sumar.

Mais poderían darse, dixo, "se hai vontade real", aínda que de entrada sexan "forzadas pola necesidade e non pola convicción". O actual taboleiro político deixa dúas opcións —"ou bloqueo, ou pacto"—, e desde as filas de Junts non se descarta a convocatoria de novas eleccións se non houber acordo con eles. Unha formación, precisamente, que foi "acantoada e menosprezada" por PP e PSOE, lamentou Puigdemont.

E entre as súas demandas o ex president catalán salientou a sentenza do Tribunal Constitucional que en 2010 tombou o Estatut, así como, especialmente, o procés que culminou co referendo independentista do 1 de outubro de 2017 e a súa "criminalización". Junts, salientou, segue a considerar lexítima a consulta popular e non renunciará á "unilateralidade" como vía para "facer valer os dereitos dos cataláns".

Carles Puigdemont insistiu en que tanto a votación como as manifestacións posteriores "non foron delito" e exixiu "recoñecemento e respecto á lexitimidade democrática" da independencia de Catalunya. E advertiu a este respecto que "non se pode negociar con quen nos considera a segunda ameaza máis importante despois do terrorismo".

Sobre a mesa está xa a 'pataca quente' das negociacións co PSOE e Sumar, o abandono da vía xudicial contra o independentismo e a aprobación dunha Lei de amnistía que, porén, "non vai resolver o problema fundamental" do país, asegurou, pois o líder de Junts entende que "non hai receita autonómica para solucionar os problemas de Catalunya". E aí entra en xogo o dereito á autodeterminación, para o que "non hai ningún impedimento constitucional", defendeu.

"O pobo de Catalunya ten dereito a aplicar democraticamente a decisión tomada no 1-O. Só un referendo acordado co Estado pode substituír este mandato político", engadiu, ao tempo que censurou que a "experiencia" dos últimos anos "fai desconfiar" das forzas políticas estatais, polo que demandou a creación dun "mecanismo de mediación e comprobación" que garanta o seguimento e cumprimento dos acordos.

As únicas liñas vermellas de Puigdemont son os "acordos e tratados internacionais que fan referencia aos dereitos humanos". Mais "ningunha das condicións previas" das que propuxo "é contraria á Constitución e aos tratados europeos", asegurou.

Por último, o ex president catalán reiterou a súa advertencia ao actual Goberno español, que o acordo, se o houber, deberá ser "histórico" e favorecer Catalunya, e non só un pacto para votar 'si' á investidura de Pedro Sánchez: "Non aguantamos todos estes anos a nosa posición para acabar salvando unha lexislatura".

Comentarios