18-F

A campaña cóase no Entroido máis político: do 'Pontón Fest' ao astronauta Xácome que "non pediría aquí o voto" e Rueda 'O Gris'

Pellets, disfraces de aspirantes á Presidencia, magos, superheroes e cociñeiros fan acto de presenza nas festas na semana decisiva da carreira cara ao 18-F.
A coincidencia da campaña co entroido espertou o enxeño das galegas e galegos.
photo_camera A coincidencia da campaña co entroido espertou o enxeño das galegas e galegos. (Fotos: Nós Diario | Europa Press)

O entroido é tempo de troula, especialmente nunha Galiza que vive con paixón estas festas. E cando fan coincidir unha data tan sinalada coa semana decisiva da campaña electoral rumbo ao 18-F... o enxeño das galegas e galegos agudízase. Ao longo dos últimos días puidemos ver candidatas e candidatos coas mans na masa, disfrazados e gozando dunhas festas nas que a propia cidadanía os converteu en protagonistas.

Os ecos da 'crise dos pellets' aínda resoa polo país adiante, e esta pasada fin de semana fíxose sentir nunha das capitais mundiais do entroido, Xinzo de Limia. 'Pellets Plástico Galicia: distribuidor autorizado' era a mensaxe que portaban tres amigos que emulaban un saco destes microplásticos que alcanzaron as praias de todo o país e puxeron en cuestión a xestión do Goberno galego.

Unha das barras de distribución de bebidas en Xinzo, aliás, estaba 'patrocinada' pola Xunta da Galiza e o xigante do transporte marítimo Maersk, en clara alusión aos pellets plásticos.

Os pellets fixeron acto de presenza no entroido de Xinzo. (Fotos: Nós Diario)
Os pellets fixeron acto de presenza no entroido de Xinzo. (Fotos: Nós Diario)

E continuando coa capital da comarca da Limia, polas súas rúas tamén se deixaron ver claras alusións á presidenta da Comunidade de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso, quen após chamar "hijo de puta" desde a tribuna do Congreso ao presidente español, Pedro Sánchez, afirmou que o que dixera realmente era "me gusta la fruta".

Un dos 'amantes' da froita. (Foto: Nós Diario)
Un dos 'amantes' da froita. (Foto: Nós Diario)

Mais Ayuso non foi a única dirixente política referenciada nos orixinais disfraces do entroido galego. Como non podía ser doutro modo, tamén fixeron acto de presenza o actual presidente da Xunta da Galiza e candidato do PP á reelección, Alfonso Rueda, e a líder da oposición e aspirante polo BNG, Ana Pontón, cuxos rostros replicaron varias persoas en diferentes puntos do país.

Carautas de Ana Pontón e Alfonso Rueda e 'Recambios Pontón' ofrecendo os seus servizos.
Carautas de Ana Pontón e Alfonso Rueda e 'Recambios Pontón' ofrecendo os seus servizos.

Voltando a Xinzo de Limia, alí esta terza feira varias persoas organizaron un improvisado 'Pontón Fest' fronte á sede local do BNG amenizado con música de artistas galegas como Sés.

E Rueda, de feito, deixouse ver nas súas redes sociais co disfrace elixido para este entroido, no seu caso en Verín, onde fixo unha parada no medio da campaña: Gandalf, o mago gris da popular obra O señor dos aneis.

Rueda, o 'mago gris'.
Rueda, o 'mago gris'.

E para disfraces, o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, que apareceu na cidade encarnando a Superman —como no seu tempo fixera José María Ruiz-Mateos—, de frade —emulando a Frei Canedo— ou de astronauta, nunha particular aparición na que non queda claro —decidirao a Xunta Electoral— se pedía o apoio para a súa formación, Democracia Ourensá, ou non: "O último que faría aquí sería pedir o voto, pero iso non quere dicir que non o faga".

SuperXácome, o alcalde do espazo e Frei Gonzalo. (Fotos: Nós Diario)
SuperXácome, o alcalde do espazo e Frei Gonzalo. (Fotos: Nós Diario)

Outros candidatos, como o socialista José Ramón Gómez Besteiro, puxéronse tamén neste entroido mans á obra; ou mellor dito, mans á masa. O cabeza de cartel do PSdeG aprendeu a facer orellas, un dos pratos estrela destas datas, canda o líder do PSC e ex ministro de Sanidade, Salvador Illa, nunha panadaría de Ourense, convidados polo medio OuKé!.

Salvador Illa e José Ramón Gómez Besteiro facendo orellas en Ourense. (Foto: Europa Press)
Salvador Illa e José Ramón Gómez Besteiro facendo orellas en Ourense. (Foto: Europa Press)

Comentarios