Debate do estado da nación

"Feixoo prefire ser Pablo Casado antes que gobernar Galiza", di Caballero

Gonzalo Caballero acusou Núñez Feixoo de querer imitar Pablo Casado en vez de centrarse en gobernar Galiza. Así se pronunciou após a intervención do presidente galego no Debate do estado da nación. Aliás, indicou que no PSdeG non tiñan problema en aprazar o debate “se así o quería o PP” mais tiñan que “acordarse unhas datas” que fosen “viábeis”. Así o dixo após á polémica suscitada polo presidente da Xunta que desvelou que o PP considerou adiar o debate após o falecemento do conselleiro de Facenda e que o BNG non vía problema. Porén Feixoo non dixo nada sobre a postura do PSdeG.

Gonzalo Caballero, após a intervención de Núñez Feixoo no Debate do estado da nación galega (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero, após a intervención de Núñez Feixoo no Debate do estado da nación galega (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que para o grupo socialista "non había problema" en aprazar o Debate sobre o estado da nación galega "se así o quería o PP" mais que consideraba que se "tiñan que acordar unhas datas" que "fosen viábeis" polas "cuestións de axenda marcadas con anterioridade".

Caballero pronunciouse deste modo ao ser preguntado polos medios polas afirmacións realizadas polo presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, durante o seu discurso no debate de política xeral que este 13 de outubro comezou na Cámara galega, en que agradeceu expresamente ao BNG por "aceptar atrasar cinco días o debate" tras o falecemento na pasada semana do conselleiro de  Facenda, Valeriano Martínez.

Tras volver trasladar aos populares todas as "condolencias" polo falecemento do titular de Facenda, explicou que o asunto foi abordado co portavoz parlamentario do PPdeG nunha "conversación afábel" na que intercambiaron opinións.

"Cando o portavoz do PP barallou a posibilidade de aprazar o Debate sobre o estado da nación, nós expuxemos que non había inconveniente pero que levase a unha data posterior ao 2 de novembro e, nese escenario, abrimos a porta", manifestou.

O dirixente socialista lembrou que o calendario xa estaba estabelecido por parte dos órganos do Parlamento e que podía desenvolverse "con normalidade". "Por tanto, toda a sensibilidade e todo o apoio á familia, ao PP e ao Goberno da Galiza. En todo caso, a vida parlamentaria en todos os parlamentos do mundo pódese desenvolver sempre e os 75 deputados están hoxe traballando con normalidade", destacou.

Feixoo "prefire ser Pablo Casado"

Caballero considerou tras a comparecencia do presidente da Xunta que o presidente prefire ser "un Pablo Casado bis" antes de gobernar Galiza e exercer as súas competencias.

"Feixoo converteuse hoxe no portavoz de Pablo Casado na sede parlamentaria galega, buscando confrontar en todos os ámbitos, co Goberno de España e non dando resposta aos problemas das galegas e galegos alí onde ten competencias", aseverou. O socialista tamén acusou a Feixoo de non aproveitar "a inxente cantidade de fondos" que chegaron á Galiza na pandemia por parte do Estado e Unión Europea e de "non estar á altura" das circunstancias.

"O único que fixo hoxe Feixoo foi tentar ser líder de oposición fronte a Pedro Sánchez desde o Parlamento galego e competir con Casado para tentar confrontar co Goberno de España", afirmou.

Caballero situou as propostas do PSdeG como alternativa ao Goberno conservador da Xunta e asegurou que para saír da crise son necesarias "políticas progresistas e de esquerda".

Comentarios