Borja San Ramón e Gonzalo Busqué disputarán o liderado de Podemos Galicia
As primarias de Podemos Galicia, que se encontra en pleno proceso interno de campaña, resolveranse a mediados do mes de decembro entre dous candidatos a coordinador da formación na Galiza, tras revisarse os avais e decaer unha candidata que non reunira os apoios para presentarse.
Así, por unha parte, Borja San Ramón preséntase baixo o liderado de 'Tecer Galicia'. San Ramón foi até o de agora o número dous de Antón Gómez-Reino e tamén candidato á Alcaldía de Ferrol.
Coa súa candidatura, aspira a "dar o impulso para que a formación se poida recompor nas institucións na Galiza nas próximas municipais, a primeira cita á que se enfrontaría".
En fronte, unha lista encabezada por Gonzalo Busqué Lorenzo, baixo a denominación ‘Rexurdir Galicia’, na cal se aglutinan nomes que estiveron situados en contra da dirección actual.
Busqué acusa a dirección actual da formación de levar á organización ao "ostracismo político" nuns anos marcados polas candidaturas de confluencia.
As votacións
A militancia está chamada a renovar a formación en votacións entre o 8 e o 14 de decembro.
Entre medias, o sábado 10, está previsto un acto asembleario presencial que servirá para presentar os candidatos e os seus documentos políticos, que se coñecerán en próximos días (tanto a liña política como a organizativa).