PRIMEIRO ACTO SECTORIAL

BNG pide uns camiños de ferro do século XXI porque “entre Ferrol e A Coruña se chega antes en bicicleta”

O primeiro acto sectorial da campaña do BNG -que combinará mitins vespertinos con accións matutinas destinadas a problemas especificos da sociedade galega- foi en Ferrol e tivo como propósito denunciar que o eixo atlántico ferroviario se ten esquecido da cidade departamental.

photo_camera Acto do BNG a prol do tren A Coruña-Ferrol

Carlos Callón e Ana Pontón foron a Ferrol a reivindicar uns servizos de cercanía dignos para a Galiza. “Agora o que temos é un tren chu-chu que vai a mesma velocidade e pola mesma liña que cando se inaugurou hai 100 anos, se collemos unha bicicleta chegamos máis rápido desde Ferrol a Coruña e viceversa que en tren”, lamentou o número un do BNG-Nós Candidatura Galega por A Coruña, “o que precisamos son horarios e servizos adaptados ás necesidades dos residentes de 2016”, indicou.

Callón salientou que o BNG ten presentes os problemas da Galiza durante os 365 días do ano, en tanto que as forzas políticas estatais practican a “amnesia selectiva”, ou sexa, que só se lembran do país durante a campaña eleitoral.

"Un deputado ou unha deputada do BNG pode ser máis útil á hora de dar a cara polos galegos e galegas que 23 ás ordes de Rajoy, Sánchez, Iglesias ou Rivera”

Nese sentido, Callón botou man dunha frase que. xa pronunciada por Pontón durante o acto de abertura da campaña, pode ser un dos mantras da plataforma soberanista nesta campaña: “un deputado ou unha deputada do BNG pode ser máis útil á hora de dar a cara polos galegos e galegas que 23 ás ordes de Rajoy, Sánchez, Iglesias ou Rivera”.

Por súa parte, Ana Pontón empregouse a fondo en dirixir os seus dardos a Feijóo, nunha estudada división de papeis co candidato. "Resulta irrisorio escoitar ao señor Feijóo recomendarlle aos galegos e as galegas cabreados co espectáculo destes cinco meses que o futuro é o señor Rajoy. Pregúntome se o presidente da Xunta está preparándose para unha nova carreira que o leve ao club da comedia”, ironizou a portavoz nacional do BNG.

Comentarios