Así é o modelo de contratación pública que quere impulsar o BNG

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, debullou as principais liñas desta proposta normativa elaborada.
Reunión do Goberno alternativo formado polo BNG (Foto: Nós Diario).
photo_camera Reunión do Goberno alternativo formado polo BNG (Foto: Nós Diario).

O BNG elaborou un texto lexislativo que levará ao Parlamento da Galiza e no que propón un novo modelo de contratación pública para que as Administracións estean obrigadas a aplicar cláusulas que garantan, por unha parte, que se dea prioridade a empresas galegas e, por outro, o cumprimento dunha serie de requisitos a nivel social, ambiental, económico ou de igualdade entre mulleres e homes.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, debullou as principais liñas desta proposta normativa elaborada no marco do "Goberno alternativo" que creou a formación nacionalista para esta lexislatura e que mantivo unha nova reunión esta cuarta feira.

Ao rematar, Pontón compareceu ante os xornalistas para explicar que o volume de recursos económicos que moven os contratos públicos das Administracións fai necesario, para o BNG, que se blinde por lei que sigan uns determinados criterios en aras de que "redunden" na sociedade e dean prioridade a pemes, empresas de economía social e empresas galegas en detrimento de "grandes construtoras e prestadoras de servizos con sede en Madrid".

Así, apuntou que a compra pública da Xunta da Galiza "acapara 55%" do seu orzamento de 2024, o que en cifras supón 8.182 millóns euros, polo que o BNG ve preciso que estes recursos sexan empregados "de forma responsábel", de forma que "beneficien" o tecido produtivo da Galiza e "teñan unha repercusión" na sociedade galega.

O texto elaborado polo BNG, que quere "sometelo a exposición pública" con encontros con axentes sociais, propón que se estabelezan cláusulas que incorporen a perspectiva de xénero na contratación e, deste modo, tamén se favoreza ás empresas que conten con maior número mulleres empregadas ou dispoñan de plans de conciliación ou protocolos contra o acoso.

Tamén propoñen condicións ambientais e de sustentabilidade para que, por exemplo, se adquiran produtos de proximidade para a prestación de servizos como comedor, á vez que se obriga ás adxudicatarias ao cumprimento da normativa laboral en cuestións como o acceso a persoas con discapacidade a postos de traballo.

Ademais, o BNG tamén considera importante que se favoreza ás empresas que usan o idioma galego porque supoñen unha "garantía" de respecto aos dereitos lingüísticos. Todo iso nun sistema, como explicou Ana Pontón, enfocado "ao tecido produtivo galego" para "acabar co monopolio" de construtoras e grandes compañías "con sede en Madrid" dedicadas á prestación de servizos e que "acaparan" os contratos públicos.

Comentarios