O BNG presenta máis de 700 alegacións ao proxecto que Altri

A deputada Montserrat Valcárcel asegurou que o proxecto "será unha bomba ambiental que prexudicará a toda a Galiza".
A deputada do BNG, Montse Valcárcel (Foto: USC).
photo_camera A deputada do BNG, Montse Valcárcel (Foto: USC).

O BNG presentou ente a Xunta da Galiza máis de 700 alegacións contra o proxecto que Altri quere implantar en Palas de Rei (A Ulloa) recollidas nas últimas xornadas en distintos postos informativos colocados na comarca de Lugo pola formación.

A deputada Montserrat Valcárcel, que estivo acompañada polo portavoz do BNG na cidade de Lugo, Rubén Arroxo, e cargos orgánicos e institucionais do BNG nesta comarca e as veciñas, asegurou que o proxecto "será unha bomba ambiental que prexudicará a toda a Galiza, especialmente nunha comarca que destaca polo seu desenvolvemento agrario".

"O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de forma decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando os equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega", explicou a deputada do BNG.

Valcárcel destacou que "a afección deste proxecto vai máis aló dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa". "É un proxecto que atenta contra os intereses xerais da Galiza", sinalou a deputada.

A nacionalista resaltou que "non se coñece que asociado a este proxecto se contemple ningún plan de industrialización ligado ao sector do papel, cartón e téxtil que promova o fechamento dos ciclos produtivos na Galiza e aumente o valor engadido en sectores básicos da nosa economía".

O BNG considerou o proxecto de Altri como "unha industria de enclave, unha pasteira de grandes dimensións que vai achegar a outros países a transformación da materia prima e que pon en perigo importantes sectores produtivos da Galiza".

As alegacións presentadas reclaman á Xunta a non autorización ambiental integrada, o rexeitamento do estudo de impacto ambiental, a non declaración de utilidade pública e o rexeitamento de proxecto promovido por Altri en Palas de Rei.

A formación nacionalista asegura que a planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 metros de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna.

Ademais, sinala que as emisións contaminantes da fábrica chegarán até Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade, e terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira de zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

Neste sentido, o BNG apunta que Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes de río Ulla e a vertedura dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial que serán contaminantes.

Iso, conforme advirten, incidirá negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén a actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non será compensado en absoluto polos supostos beneficios da nova actividade industrial.

Comentarios