O BNG presenta 25 medidas destinadas a "reactivar Ourense"

Pontón pon o foco no "reequilibrio" territorial.
ana pontón bng ourense
photo_camera Pontón en Ourense, con cargos e representantes do BNG. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou esta terza feira o Plan Ourense Vivo, un proxecto articulado sobre 25 puntos co que pretende "revitalizar" o conxunto da provincia após "14 anos de retroceso e abandono do Goberno do Partido Popular".

Nun acto no que estivo acompañada do grupo parlamentario, deputados provinciais, así como alcaldes e alcaldesas e responsábeis políticos da formación de todas as comarcas ourensás, Pontón sinalou que este "ambicioso proxecto" será incluído no seu plan de Goberno para aproveitar "todo o potencial ourensán" e será presentado aos axentes económicos, sociais e culturais para "enriquecelo" coas súas propostas.

"Para dar a volta á situación non valen políticas centralistas nin localismos estériles", manifestou, asegurando que "o que é necesario é un proxecto pensado desde o conxunto do país", que teña no "equilibrio territorial" un "elemento central", porque insistiu "non pode haber galegos de primeira e de segunda como pasa cos gobernos do PP".

O Plan Ourense Vivo recolle medidas concretas en ámbitos como os servizos públicos, o desenvolvemento económico, o medio rural, a investigación ou as infraestruturas.

No apartado de equilibrio territorial, Pontón destacou o compromiso co impulso á Axenda Territorial Galega, explicando que será un conxunto de instrumentos políticos, financeiros, tecnolóxicos e de dotación de equipamento e servizos.

Destacou a dotación e o reforzo dos servizos públicos, e a discriminación positiva destes no rural; o incremento de residencias públicas e centros de día cunha rede pública de servizos de proximidade de teleasistencia e axuda a domicilio; o reforzo da Atención Primaria, asegurando que garantirá que os nenos e nenas teñan acceso a pediatría. Tamén inclúe a proposta nacionalista iniciativas para reactivar os sectores produtivos, impulsar un centro de estudo do cambio climático con sede na capital ourensá, conectado co campus; ou unha Mesa da Industria.

Comentarios