O BNG pide que a reconstrución europea non distinga "países de primeira e segunda"

A formación nacionalista transmite nun comunicado a súa preocupación polas negociacións que se están a levar a cabo en Bruxelas e teme un "rescate duro" do Estado español.

Ana Pontón no Consello Nacional do BNG (Mauro Bastón/ Europa Press)
photo_camera Ana Pontón no Consello Nacional do BNG (Mauro Bastón/ Europa Press)

O BNG emitiu este domingo, a través dun comunicado da súa Executiva Nacional, que os orzamentos europeos e o fondo anticrise tras a Covid-19 non fagan distincións entre "países de primeira e países de segunda" nin impoñan condicións "leoninas" para acceder aos fondos.

É a reacción da forza nacionalista ao cume europeo sobre a reconstrución económica tras a crise xerada polo coronavirus. A formación indicou que, máis aló dos "eufemismos que se empreguen para a súa denominación", é "evidente que o Estado español sufrirá un rescate duro" e criticou que a Unión Europea (UE) queira aplicar as mesmas políticas que na anterior crise "agravaron" a situación.

A formación que lidera Ana Pontón aposta por que o Consello Europeo manteña o Fondo de Recuperación sen rebaixalo de 750.000 euros e por unha renegociación da débeda actual e unha mutualización da futura, sen condicións que "repercutan no plano laboral, nas pensións ou nos investimentos para a recuperación".

Ao xuízo do BNG, é "inaceptábel" que haxa unha "ameaza" de bloqueo por parte dos chamados estados "frugais". O pago de axudas de reconstrución, agregou "non debe estar sometido a unha nova condicionalidade macroeconómica que implique máis recortes”.

O BNG rexeitou tamén unha redución dentro do Marco Financeiro Plurianual dos Fondos de Cohesión e da Política Agraria Común. “En economías como a galega”, salientou, ten un peso "especial" o sector agrogandeiro, polo que isto resultaría "preocupante".

A formación nacionalista considera que o problema "non é só a posición insolidaria e de veto" de países como Suecia, Países Baixos, Austria e Dinamarca, e a "débil posición" do Estado español nas negociacións, senón "o propio proxecto último da Unión Europea".

No seu comunicado lembra que foi "especialmente crítico" co modo de integración do Estado español na UE e o é na actualidade co "modelo de rescate para os estados máis damnificados" pola pandemia". É, agregou, "inadmisíbel" que a resposta sexa "tan tardía" e que "non se prime a solidariedade".

Comentarios