BNG e Iniciativa pola Memoria instan Xunta e Estado a recorrer a sentenza de Meirás, que "é unha vergoña democrática"

Os socialistas tamén pedirán no próximo pleno que se "esgoten todas as vías xurídicas" para evitar indeminizar aos Franco
BNg memoria
photo_camera Luis Bará, Montse Fajardo, Anas Pontón e Carlos Babío

BNG e a Iniciativa Galega pola Memoria instou Xunta e ao Estado a recorrer a sentenza que obriga indemnizar a familia Franco polo Pazo de Meirás ao considerar que "blanquea o franquismo" e supón unha "labazada" para os colectivos que loitaron para que este ben de interese cultural fose devolto ao patrimonio público.

Así o demandaron nunha rolda de prensa ofrecida na Cámara galega a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e os integrantes da Iniciativa Galega pola Memoria Carlos Babío e Montse Fajardo.

Na súa intervención, a líder do BNG considerou "inaudita" a decisión do Executivo estatal de non recorrer esta resolución que, na súa opinión, supón un "agasallo fiscal" aos herdeiros de Franco. "Parécenos moi grave e un erro", manifestou Pontón, que se preguntou se existe "algún pacto por activa ou por pasiva" entre o Goberno de Pedro Sánchez e a familia Franco.

Pontón, que subliñou que a sentenza supón "unha vergoña democrática", considerou necesario que a Xunta tamén se sume ao recurso. "Porque nos parece igual de ofensivo para o pobo galego que a Xunta non mova nin un só dedo ante unha sentenza que obriga a pagar dúas veces polo Pazo de Meirás", sinalou. Dito iso, apelou a non perder o tempo e "presentar xa" este recurso, tendo en conta que o prazo para a súa formalización finaliza o próximo día 12 de marzo. "Fican 9 días para facer o que é correcto", indicou.

Ademais, avanzou que a súa formación levará ao próximo unha iniciativa con estas demandas tanto á Xunta como ao Estado. "Esta sentenza ten que ser recorrida si ou si", subliñou.

Pola súa banda, Carlos Babío alertou dos efectos que esta sentenza "terrorífica desde o punto de vista da impunidade" pode ter noutras reclamacións como as da Casa Cornide ou as estatuas de Abraham e Isaac. O integrante da Iniciativa Galega pola Memoria incidiu en que esta resolución xudicial supón "blindar e blanquear" todo o que ten que ver cos "abusos" por parte da ditadura franquista.

Por iso, asegurou que o seu recurso se debe presentar por "hixiene democrática" xa que a decisión xudicial nega "cuestións fundamentais" como a "mala fe do Franco" na súa adquisición. "Desde as asociacións da memoria histórica non queremos entrar nun debate economicista sobre se hai que pagar moito ou pouco aos Franco. Aos Franco non lles hai que pagar nada", incidiu. Ademais, lembrou que foi o Estado a administración que presentou a demanda pola propiedade do pazo, polo que advertiu das dificultades de que os recursos de administracións como o Concello de Sada ou a Deputación da Coruña prosperen se o propio Executivo español non se suma.

Mulleres represaliadas

Preguntadas respecto diso noutra rolda de prensa celebrada na Cámara galega este mércores, as deputadas do PSdeG Noa Díaz e Paloma Castro avanzaron que a súa formación tamén presentará unha iniciativa no próximo pleno para reclamar que "se esgoten todas as vías xurídicas" para evitar indeminzar aos Franco.

Os socialistas galegos levarán ao próximo pleno unha iniciativa para impulsar a recuperación da memoria democrática das mulleres galegas, co fin de visibilizarlas e recoñecer o papel que tiveron na loita pola democracia e o autogobernod e Galiza. A

Segundo indica o texto da iniciativa, o traballo de moitos historiadores e investigadores fixo que saíse á luz uno dos "capítulos máis negros da historia", a Guerra Civil e a Postguerra. Con todo, sinala que, "como sempre, na maioría destes casos, as vítimas teñen cor masculina, quedando na sombra as mulleres". 

"Xa é hora de que a historia e o réxime franquista se conten desde unha perspectiva de xénero", considerou Paloma Castro, que sostén que "contar a historia sen contar coas mulleres, non é a historia real" do país.

Comentarios