Representantes da cultura, a memoria e o ensino instan o Estado a recorrer contra a sentenza que pide indemnizar os Franco por Meirás

O manifesto “Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático”, promovido polos historiadores  Carlos Babío e Pérez Lorenzo, nace apoiado por 270 persoas e case 40 colectivos.

 

Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)
photo_camera Instalacións do pazo de Meirás. (Foto: M Dylan / Europa Press)

Os investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez Lourenzo  reuniron en emnos dun día 250 persoas vinculadas coa escrita, as artes plásticas, a música, as artes escénicas, o xornalismo, o sindicalismo ou o ensino para apoiar o manifesto “Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumíbel para un Estado democrático,  no que se pide ao Estado que recorra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña a fin de evitar que se indemnice a familia Franco polos anos de ocupación de Meirás e, sobre todo, “a fin de impedir que se perpetúe o relato franquista”.

O texto promovido polos autores de ‘Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio’ conta tamén co respaldo de trinta e sete colectivos galegos vinculados co mundo da memoria e a cultura como as asociacións culturais O Galo, Maio Longo e IEM, ou as Fundacións Castelao, Alexandre Bóveda, Galiza Sempre, Manuel María, Terra e Tempo e Moncho Reboiras.  

O seu contido afonda no paso atrás que indican que representa para a defensa da democracia e a memoria a sentenza emitida o pasado 12 de febreiro “porque tece un discurso acerca da ditadura que axuda a branquear o réxime”.

Reclaman a Moncloa que interpoña os pertinentes recursos ante o Tribunal Supremo “na defensa dos intereses públicos e dos valores democráticos que nos deben representar como sociedade; e como débeda histórica ás vítimas do franquismo”

Nese senso, critican que se considere que nin a familia Franco nin o propio ditador realizaron a ocupación “de mala fe”, o que na práctica suporía o seu dereito a que lles repoñan integramente os gastos do mantemento e melloras do Pazo, sen ningún tipo de contraprestación nin polos anos de uso nin polos ingresos que obtiveron durante décadas de ocupación. De non ser así sería presumible, di o escrito, un saldo negativo para a familia Franco.  “A sentenza mesmo recolle o pago das obras que realizaron tras o incendio de 1978, o que suporía pagar dúas veces polo mesmo concepto pois xa daquela fora indemnizada con 13 millóns e medio de pesetas”.

Porén, o máis grave para quen asina non é o desembolso económico a que implica a resolución, “senón o feito de que avala o relato franquista sobre o que foi a ditadura. A fin de xustificar que Meirás foi un agasallo que se fixo a Franco a título persoal e non como xefe de Estado, inclúe afirmacións como a seguinte: “El apelativo de Caudillo se aplicaba a él y a nadie más. Y se le presenta como un enviado de Dios. Mensajero divino no puede ser el Estado, ni la Administración General del Estado. Es una persona física”. Ademais, o tribunal coruñés menospreza a memoria das vítimas con afirmac ións como “tampoco resulta relevante si las aportaciones fueron mayoritariamente voluntarias o se obtuvieron a punta de bayoneta” e branquea a represión franquista con outras como “no hay constancia de que él (Franco) solicitase esa actuación, la auspiciase o la promoviese”.

As persoas e colectivos asinantes lamentan que “no momento en que avanzabamos na ruptura co relato sobre a historia do Pazo de Meirás creado e difundido pola ditadura, unha sentenza colabora na consolidación de elementos dese relato e resolve que hai que indemnizar a familia Franco por un ben do que gozou sen que lle correspondese. Mentres, o mesmo goberno do Estado que interpuxo a demanda decide renunciar á posibilidade de presentar recurso e asume a sentenza como positiva para os seus intereses”.

Por iso reclámanlle a Moncloa que interpoña os pertinentes recursos ante o Tribunal Supremo “na defensa dos intereses públicos e dos valores democráticos que nos deben representar como sociedade; e como débeda histórica ás vítimas do franquismo”, e piden á Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña e aos Concellos da Coruña e Sada, que interpoñan os seus recursos como entidades adheridas á causa e que insten ao Estado a facer o mesmo.

O manifesto, así como a listaxe de asinantes, pode consultarse aquí. 

Comentarios