O BNG expón as súas condicións para apoiar as contas xerais do Estado español

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Europa Press)
Néstor Rego exixiu ao Executivo de Pedro Sánchez que cumpra os acordos acadados polo BNG co PSOE para apoiar o candidato socialista na sesión de investidura.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, trasladou esta terza feira as condicións estabelecidas pola formación nacionalista para dar o seu apoio aos Orzamentos Xerais do Estado español (OXE) que o Consello de Ministros e Ministras aprobará hoxe. 

Neste sentido, Rego exixiu ao Executivo de Pedro Sánchez que cumpra os acordos acadados polo BNG co PSOE para apoiar o candidato socialista na sesión de investidura.

Orzamentos do Estado, para cando un trato xusto coa Galiza?

Nunha rolda de prensa no Congreso, o deputado nacionalista enumerou, entre os compromisos pendentes de cumprir polo PSOE, o financiamento da dependencia nos niveis estabelecidos pola lei, a creación de xulgados de violencia de xénero en Santiago de Compostela, Ourense e Lugo e os acordos de transición xusta para ofrecer alternativas de traballo ás persoas afectadas polo peche de centrais térmicas.

Ademais de destinar fondos aos sectores industriais do país, Rego pediu priorizar o investimento ferroviario para "recuperar un atraso histórico" que, dixo, arrastra a Galiza, como a ausencia dunha rede de proximidade, e a transferencia das vivendas da Sareb ao Goberno galego.

Outras condicións

Por outra parte, reclamou que os impostos a grandes enerxéticas, banca e grandes fortunas sexan permanentes. Cando o presidente do Goberno español anunciara esta medida, Rego xa trasladara que a situación económica precisaba de adoptar medidas “estruturais” e non “conxunturais”.

 Tamén exixiu elevar a revalorización do salario mínimo interprofesional (SMI) e os soldos públicos até cubrir toda suba do Índice de Prezos de Consumo (IPC).

Neste sentido, cualificou como "claramente insuficiente" o acordo alcanzado polo Ministerio de Facenda con CCOO e UXT para subir os soldos aos empregados públicos, pois non cobren o encarecemento dos prezos. Rego defendeu impedir calquera perda de poder adquisitivo nesta negociación, xa que "a evolución dos salarios públicos acaba marcando dinámicas da negociación no sector privado".

Finalmente, o deputado do BNG no Congreso pediulle ao Goberno español que "renuncie" ao "aberrante" incremento do gasto militar até 2% do PIB -unha petición da OTAN a todos os Estados membros- "nunha situación de extrema crise social e económica e necesidade para os sectores máis desfavorecidos".