Pontón apela a coñecer que "cambios" introducirá Rueda nas políticas do seu novo Goberno

Para Pontón, os "cambios máis relevantes" que debería acometer Rueda na nova etapa á fronte da Xunta "serían os cambios no que afecta directamente á vida da cidadanía".
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: César Arxina / Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou a coñecer cales son os "cambios" que introducirá Alfonso Rueda no seu futuro Goberno, que cre que deberían estar orientados ás políticas que pon en marcha a Xunta da Galiza e non nos nomes ou a configuración dos departamentos do Executivo galego.

Así se pronunciou, a preguntas dos medios esta cuarta feira, durante unha rolda de prensa decorrida no Parlamento da Galiza, onde Pontón sinalou que fará "unha valoración" sobre o futuro Goberno "cando coñezamos realmente cales son os cambios" avanzados por Rueda.

Para Pontón, os "cambios máis relevantes" que debería acometer Rueda na nova etapa á fronte da Xunta "serían os cambios no que afecta directamente á vida da cidadanía" en asuntos como "a defensa da sanidade pública", a posta en marcha de "un novo modelo de coidados", "medidas efectivas para evitar a precariedade ou a falta de acceso á vivenda" ou "cambiar o paradigma" da xeración de enerxía na Galiza para que esta "reverta" no territorio.

"Creo que estes son os cambios relevantes e, sobre o resto, creo que é un intento de ocultar que o señor Rueda non quere rectificar esas políticas que están a afectar de maneira negativa á vida das persoas no noso país que nos están deixando atrás e que fan que a Galiza teña os peores indicadores en moitos ámbitos", aseverou a líder nacionalista.

Por todo isto, Pontón apelou a coñecer cales son "exactamente" eses cambios que introducirá no novo Goberno galego o presidente Rueda tras a súa investidura. "Cando saibamos exactamente de que estamos a falar podemos facer unha valoración. De momento é todo bastante inconsistente", apostilou.

Debate de investidura

Cuestionada sobre se xa perfilou a súa intervención no debate de investidura, Pontón afirmou que "cre" no debate e que, por tanto, "primeiro" quere escoitar o que di no seu discurso da vindeira terza feira 9 de abril Alfonso Rueda.

En todo caso, incidiu en que porá "sobre a mesa" as "alternativas" fronte ao PP e as "propostas" do BNG, que representa un "modelo claro" centrado "na defensa das maiorías sociais do país".

Ao seu xuízo, "sería importante" que do debate "puidese saír un gran acordo de país" sobre o modelo enerxético, un asunto sobre o que esta cuarta feira o BNG rexistrou as súas primeiras dúas iniciativas da lexislatura, encamiñadas á creación dunha factura eléctrica propia para a Galiza e a fundación dunha empresa pública galega neste eido.

Comentarios