O BNG defenderá no Senado a "transformación" da rede ferroviaria da Galiza

O Eixo Atlántico, os trens de proximidade e a conexión con Lugo centran unha proposta que defende a modernización da rede ferroviaria galega.
Carme da Silva no Senado. (Foto: Nós Diario)
Carme da Silva no Senado. (Foto: Nós Diario)

A senadora nacionalista Carme da Silva defenderá na Cámara alta unha moción para impulsar e axilizar infraestruturas ferroviarias estratéxicas para a Galiza e rematar co déficit histórico que sofre. O obxectivo, sinala o BNG, é converter a rede ferroviaria galega nun eixo vertebrador do territorio, "que favoreza unha Galiza mellor conectada, máis sustentábel e capaz de aproveitar todo o seu potencial social, económico e ambiental".

Entre as infraestruturas ferroviarias estratéxicas para a poboación galega, Da Silva destaca a posta en marcha dos servizos de proximidade, acelerar a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago ou impulsar a construción do Eixo Atlántico para o norte e sur da Galiza. Son, tamén, algunhas das cuestións que serán debatidas e votadas polo Senado.

"Galiza precisa un salto ao futuro da man do sistema e as infraestruturas ferroviarias e o BNG está decidido a impulsar esta transformación. No próximo pleno defenderemos unha moción co obxectivo de converter a rede ferroviaria galega nun eixo vertebrador do territorio, que favoreza unha Galiza mellor conectada, sustentábel e capaz de aproveitar o seu pleno potencial social, económico e ambiental", anuncia Carme da Silva.

Trens de proximidade

Para o BNG, a falta dunha rede ferroviaria de proximidade na Galiza é unha débeda histórica. A iniciativa propón "axilizar os estudos e trámites necesarios para a implantación dos servizos de proximidade e conectar as áreas urbanas e metropolitanas, comezando cos eixos A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra".

Ao respecto, Da Silva sinalou o avance histórico que se vén de producir na Galiza mais urxe acelerar as xestións: "É a primeira vez que se leva a cabo unha estudo para a implantación das cercanías ferroviarias mais o Goberno debe facer máis rápida a execución e pór en funcionamento este servizo cante antes".

Lugo-Santiago

A cidade de Lugo segue esperando unha conexión ferroviaria directa e eficaz con Santiago de Compostela, unha anomalía na estrutura de transportes que o BNG esixe corrixir con urxencia. A moción inclúe a "acelerar a tramitación do estudo de viabilidade e dos procesos técnicos correspondentes para a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago de Compostela". Do mesmo xeito, o BNG buscará o apoio do Senado para que o Goberno promova a modernización e a mellora da infraestrutura da liña ferroviaria A Coruña-Lugo para poder ofrecer tempos de viaxe competitivos e eficaces para o tránsito habitual.

Eixo Atlántico

O Bloque defende, ademais, a culminación do Eixo Atlántico ferroviario en toda a súa extensión. "Esta infraestrutura foi proxectada no seu inicio desde Ferrol até a fronteira con Portugal, e actualmente só cobre o tramo A Coruña-Vigo", sinala Carme da Silva. A moción que defenderá no Senado, entre outras cuestións, propón completar o traxecto cara ao norte mediante a construción do baipás de Betanzos e a modernización da liña A Coruña-Ferrol.

Polo sur, a senadora do BNG destaca a necesidade de que o Goberno do Estado coordine co Goberno portugués "a priorización e axilización da execución dos tramos ferroviarios para a construción do Corredor de Alta Velocidade Vigo-Porto, sen postergala en favor de ningunha outra conexión, acelerando para iso na parte correspondente ao Goberno do Estado a construción da saída sur de Vigo co obxectivo de que poida estar finalizada no horizonte do ano 2030".

Comentarios