A nova ponte sobre o Miño é a chave da conexión ferroviaria con Portugal: A sociedade galega reclama avanzar na infraestrutura

Un dos aspectos máis importantes para o desenvolvemento da alta velocidade ferroviaria entre Galiza e Portugal é a construción dunha nova ponte sobre o río Miño. Con todo, este aspecto non estivo no foco mediático durante a Cimeira Luso-Hispana desenvolta esta cuarta feira na cidade portuguesa de Faro, que axitou as reivindicacións dunha liña de tren considerada clave para a economía galega.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro luso, Luís Montenegro, esta cuarta feira. (Foto: Alberto Díaz / Europa Press)
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro luso, Luís Montenegro, esta cuarta feira. (Foto: Alberto Díaz / Europa Press)

Non hai dúbidas de que a conexión ferroviaria de alta velocidade entre Galiza e Portugal vai ser desenvolta nun futuro próximo, e seguramente vai ser licitada antes que a liña entre Lisboa e Madrid, ou cando menos este é o optimista presaxio que fai o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

Con todo, segundo salienta en declaracións a Nós Diario, a chave está nun aspecto ao que non apuntaron os focos mediáticos durante a Cimeira Luso-Hispana que tivo lugar esta cuarta feira. "É un feito incuestionábel, que a primeira liña que vai avanzar é a que conecta Galiza con Portugal, e o único que falta para desbloquear todo é a nova ponte [sobre o río Miño], en canto se aprobe o comezo dos traballos desta infraestrutura, o Estado español poderá proxectar o segundo tramo, que é entre O Porriño e a fronteira", afirma Vázquez Mao.

"O problema é que sen saber onde vai a ponte non se pode proxectar o tramo, posto que non se sabe onde acaba. Agora estase facendo o estudo informativo previo do tramo Vigo-O Porriño, mais a conexión coa fronteira aínda non se pode realizar", explica o secretario xeral.

Xoán Vázquez Mao sinala que o nexo ferroviario farase ao leste de Tui e Valença, moi perto de Guillarei

"Sabemos que [a ponte] vai ir ao leste de Valença [Alto Minho] e de Tui [Baixo Miño] e que o punto de conexión vai ser perto de Guillarei [parroquia de Tui onde hai unha estación de ferrocarril]. Eu creo que as dúas Administracións saben xa cal é o punto, mais téñeno que confirmar de forma oficial para poder aprobar o modelo de xestión bilateral para a construción da infraestrutura", conclúe o representante do Eixo Atlántico.

"Portugal, independentemente do cambio de Goberno, fai un discurso coherente, honra os compromisos de Estado e segue tendo claras as súas prioridades", explica Vázquez Mao sobre a posición lusa. "Por sorte para nós non vai renunciar a elas, pois esta é unha liña absolutamente vertebral para eles e Galiza xoga un papel fundamental na estratexia portuguesa", acrecenta. Ademais, salienta, "o feito de conectar o tren coa Galiza permite que Portugal teña financiamento da Unión Europea para conectar o seu territorio". 

Por todas estas razóns, explica, "vaise facer primeiro a liña entre Galiza e Portugal, queira ou non queira o Estado español, o Goberno luso xa o deixou moi claro". Neste sentido, engade, "70% da vía realizarase en territorio portugués, e supoñamos que o Executivo español non quere facer a súa parte, pois entón Portugal pode negarse a desenvolver a conexión con Madrid no territorio luso". "Están obrigados a chegar a un acordo, e o consenso pasa por dar prioridade á conexión coa Galiza", conclúe ao respecto Vázquez Mao.

Presión da patronal galega 

A Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) lamentou esta quinta feira a posición do Goberno español, expresada nas últimas horas na cimeira Luso-Hispana de Faro (O Algarve), sobre a conexión de alta velocidade entre Galiza e Portugal, e solicitou ao Executivo estatal que "rectifique" e "siga a liña" portuguesa de priorizar esa conexión sobre a que uniría Madrid con Lisboa.

A patronal galega destaca que a liña de tren transfronteiriza é algo "vital"

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, advertiu de que "a falta de compromiso do Estado español coa Galiza pode relegar unha vez máis o desenvolvemento económico e social, limitando o crecemento, a competitividade galega e as oportunidades de mobilidade eficiente". Ademais, segundo lembrou, a Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo (ECDT) aprobada na Cimeira Luso-Hispana do ano 2020 recollía xa, como unha das accións previstas en relación ás infraestruturas e á conectividade territorial, dar prioridade á finalización das infraestruturas do corredor atlántico, así como modernizar as infraestruturas ferroviarias da conexión do eixo atlántico.

Para a CEG, a ligazón ferroviaria entre Galiza e Portugal é "vital" para potenciar o desenvolvemento económico e a integración transfronteiriza. "Non se pode seguir perpetuando o desequilibrio existente nos investimentos e oportunidades de desenvolvemento", advertiu Vieites, que tamén engadiu que "é imperativo dar a relevancia e a urxencia necesarias á construción deste nexo vital para o desenvolvemento económico e social de ambos os territorios".

Reaccións políticas 

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, criticou o xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, por "falar unha vez máis en contra da Galiza" na Cimeira Luso-Hispana, fixando como primeiro obxectivo a conexión de alta velocidade entre Madrid e Lisboa a pesar de que o Goberno portugués apuntase como prioridade a liña que une o territorio galego con Portugal.

Rueda agradeceu o compromiso ratificado polo Executivo luso e sinalou que Portugal "xa está en fase de licitación das obras para cumprir" co horizonte de 2032 para rematar a conexión. Tamén Sánchez apuntou esta cuarta feira esa data, mais Rueda considera que, cos pasos actuais dados, non se trata dun prazo "realista".

"Nin o anterior Goberno portugués, nin o actual, de corte máis conservador, ocultaron a súa intención de querer vertebrar ese país a través da alta velocidade e facer a conexión vía Galiza. Eu agradézoo moitísimo porque para Galiza é algo fundamental", sinalou o presidente da Xunta.

Pola súa parte, o BNG exixiu esta quinta feira ao Executivo español dar prioridade á conexión ferroviaria entre Galiza e Portugal. Neste sentido, o portavoz nacionalista no Congreso, Néstor Rego, destacou o "despropósito" que representa, na súa opinión, priorizar a conexión entre as cidades de Lisboa e Madrid, que implicaría construír máis de 200 quilómetros de vía, fronte á conexión entre Porto e Vigo, na que só faltan por completar 25 quilómetros (Vigo-Valença).

Ao tempo, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, insistiu en que a conexión por alta velocidade entre Galiza e Portugal "segue sendo unha prioridade" e en que "o compromiso é claro" con este trazado, así como coa conexión entre o territorio galego e a meseta. Desta maneira, restou importancia "ao feito de que unha (a conexión con Lisboa) vaia máis rápida que a outra", e descartou que iso supoña dar prioridade a unha das opcións.

Un "falso debate" provocado por Díaz Ayuso dentro da súa "guerra permanente"

Para o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, a confrontación entre a conexión da Galiza con Portugal e a liña para unir Madrid e Lisboa é "un falso debate que crea unha señora que se chama [Isabel Díaz] Ayuso dentro da súa guerra permanente para facerse un espazo propio, algo que consegue atacando a todos, a [Pedro] Sánchez por diante e a [Alberto Núñez] Feixoo por detrás". Ademais, di, "ten que tapar os problemas nos que está a súa contorna persoal".

"Non hai ningún conflito entre estas dúas liñas, son compatíbeis, e a presidenta da Comunidade de Madrid crea un problema que non existe. A conexión entre Lisboa e Madrid vaise facer, para a Comisión Europea as conexións entre capitais son prioritarias, mais o Goberno luso opta por unir primeiro Galiza e Portugal", conclúe.

Comentarios