O BNG celebra que Bruxelas declare ilegal a prórroga da AP-9 e demanda ao Goberno español que rescate a autoestrada
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, celebrou esta quinta feira a decisión da Comisión Europea de declarar ilegal a ampliación da concesión da AP-9 porque "vulnerou a normativa comunitaria" e pediu ao Goberno español que rescate a autoestrada.
Tras coñecerse que Bruxelas deu un novo ultimato ao Executivo estatal para que emende as irregularidades polas que foron prorrogadas as concesións das peaxes nas autoestradas AP-66 e AP-9 e que, a ollos da Unión Europea (UE), vulneran as regras de comunitarias en materia de contratación pública e de concesión de autoestradas, Pontón pediu ao Goberno español que acate o ditame da Comisión Europea, xa que ve unha "oportunidade" para rescatar a autoestrada galega e ter "unha AP-9 galega e libre da estafa das peaxes" en lugar de "seguir pagando até o 2048".
"Pedímoslle ao Goberno do Estado que aproveite esta porta legal que abre a Unión Europea para acabar coa estafa da AP-9, unha estafa que hai que lembrar que ten como orixe a decisión do Goberno do PP de [José María] Aznar de aumentar a concesión até os 75 anos, seguida da súa posterior privatización a prezo de saldo", apuntou.
Segundo trasladou Pontón, de non ser por esta decisión "do PP en contra da Galiza", hoxe en día a AP-9 sería "libre de peaxes". "Sabiamos que era unha decisión inxusta, un agravio, agora sabemos tamén que era ilegal", reprochou a portavoz nacionalista.
"Que pidan perdón"
Por iso, instou o Goberno español a que "deixe de marear a perdiz" e a "cumprir a lei" para que "se faga xustiza coa AP-9". Unha petición que estendeu á Xunta da Galiza, a quen pediu que "por unha vez se poña ao lado da Galiza" e, ao mesmo tempo, "que pida perdón pola estafa propiciada polo Goberno de Aznar".
Nesta liña, lembrou que tras coñecerse a comunicación inicial da Unión Europea, o BNG encargou un estudo xurídico e económico á Universidade da Coruña (UDC) que conclúe, entre outras cousas, que as prórrogas aprobadas son "ilegais" e violan "a normativa comunitaria, así como os principios de igualdade e de transparencia na contratación pública".
"O único que se necesita para ter unha AP-9 galega e libre de peaxes é vontade política para acabar cunha discriminación, cunha estafa que temos que pagar cada día. É o momento de acabar con este agravio", concluíu Pontón.
Iniciativas no Congreso
Tamén celebrou esta decisión da UE o deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, que puxo en valor que se dea a razón, ademais de ao Bloque Nacionalista Galego, á plataforma de usuarios 'En Colectivo', que interpuxo inicialmente a reclamación.
Do mesmo modo, o portavoz do BNG no Congreso destacou que se repare a "inxustiza" de que os galegos e as galegas teñan que "seguir pagando máis aló dos 40 anos que tiveron de vixencia as concesións doutras infraestruturas" situadas noutras partes dos Estado español.
Así, avanzou que a formación nacionalista rexistrará de maneira inmediata unha iniciativa nas Cortes do Estado para que o Goberno español poña en práctica a resolución da Comisión Europea "sen dilatar o procedemento" e sen que acuda ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

