O BNG negocia co PSOE acelerar a transferencia da AP-9 e a apertura de tres xulgados de violencia machista

"Apreciamos un cambio de actitude para o seu cumprimento, pero estaremos atentos, vixiantes e insistentes", manifestou.
Encontro entre as delegacións de PSOE e BNG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Encontro entre as delegacións de PSOE e BNG. (Foto: Nós Diario)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, anunciou esta cuarta feira un acordo co Partido Socialista (PSOE) para acelerar a transferencia á Galiza da AP-9.

Ademais, tamén negociou cos socialistas a apertura de tres xulgados de violencia de xénero en Lugo, Ourense e Santiago de Compostela.

Rego fixo este anuncio tras o encontro que mantivo unha delegación do BNG, integrada polo propio Rego, Goretti Sanmartín e Rubén Cela, co portavoz do PSOE no Congreso, Héctor Gómez; a secretaria xeral do grupo socialista, Rafaela Crespín; e a portavoz adxunta Isaura Leal.

O deputado nacionalista definiu o encontro como "prudentemente satisfactorio" porque, segundo explicou, serviu para constatar a vontade do PSOE de cumprir na súa totalidade o acordo que alcanzaron en 2020 a cambio de apoiar a investidura de Pedro Sánchez.

"Apreciamos un cambio de actitude para o seu cumprimento, pero estaremos atentos, vixiantes e insistentes", manifestou.

Medidas negociadas

Segundo Rego, os socialistas comprometéronse a convocar a Comisión Mixta de Transferencias e a transferir todas as incluídas no citado acordo. "O Goberno español traslada a pelota á Xunta, que nos trece anos con Alberto Núñez Feixoo nin pediu nin asumiu unha soa competencia", sinalou.

O Executivo estatal tamén terá que pactar co galego a apertura dos tres xulgados de violencia de xénero que, segundo Rego, o Ministerio de Xustiza está disposto a abrir no noso país.

O deputado afirmou que o PSOE tamén se comprometeu a reactivar a tramitación da lei para transferir á Galiza a AP-9, convocando de forma inmediata o relatorio para discutir as emendas dos distintos grupos.

Por outra parte, o BNG tamén alcanzou un acordo cos socialistas para que o Congreso aprobe unha iniciativa esta cuarta feira que insta o Goberno a evitar a dupla imposición e o trato fiscal "inxusto" aos emigrantes retornados. "Isto facilita o camiño para que se converta canto antes nunha lei", concluíu Rego.

Comentarios